Unanimidade arredor da iniciativa do BNG para esisir ao Estado que se plante en Europa “fronte aos recortes da cotas de pesca para 2026”

25 Novembro 2025

O BNG acadou unanimidade no Parlamento para  que a Xunta de Rueda lle reclame ao Goberno central que presione na UE ante os previsíbeis recortes de Totais Admisíbeis de Captura (TACs) e cotas para 2026 propostos pola Comisión Europea que se decidirán no Consello de Ministros de pesca da UE o 11 e 12 de decembro.

Para a responsábel de Mar do Bloque Nacionalista Galego, a pobrense Rosana Pérez, esta medida sería outra “volta de porca para a frota galega”, polo que–engadiu– “votamos en falta un goberno español que se plante no Consello de Europa, que vete as decisións que haxa que vetar e que impida a toda costa que a frota galega non sexa viábel, porque o é por propios méritos e por o seu propio esforzo”.

Ademais, o BNG demanda á Xunta “un plan propio para paliar a posíbel redución de cotas para unha frota que leva anos soportando recortes, vedas e limitacións que fan cada vez máis difícil manter a actividade, con custos crecentes que superan en moitos casos os ingresos”. 

Dixo tamén que a proposta comunitaria para 2026 mantén conxelada a cota de pescada en augas ibéricas e prevé unha suba do 12% para o rapante e un recorte do 2% para o peixe sapo–cando este ano experimentaron incrementos na cota do 22.8% e do 16,8% respectivamente–, pero introduce reducións “especialmente graves en especies de alto interese para Galiza”, como o 26% de recorte no abadexo, o 28% no linguado e o 5% no xurelo entre Fisterra e o Golfo de Cádiz.

Na iniciativa do BNG expoñíase que “a maior intranquilidade para o sector chega polas recomendacións científicas que apuntan a un recorte do 70% na cota de xarda, que afectaría de cheo á frota do cerco, e dunha redución do 41% no lirio, de grande impacto no arrastre de litoral, nun contexto no que xa se sofren vedas en 87 zonas que mesmo poderían ampliarse”.  Isto, sinalou, “supón un durísimo golpe para o sector, agrava a escaseza de cotas nas principais especies e non ofrece garantías de futuro nin para a frota nin para as comunidades costeiras que viven do mar”.

É por iso que o BNG, na iniciativa, reclamaba que “defenda unha posición que asegure a viabilidade e a sostibilidade da actividade pesqueira galega, esixindo que se cumpran os criterios fixados pola sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do 11 de xaneiro de 2024, que obriga a ter en conta non só as cuestións medioambientais senón tamén as sociais e económicas na fixación das cotas”.

Ademais, o BNG propón que a Xunta inste a UE a impedir dunha vez por todas a entrada no mercado europeo de xarda e xurelo procedentes de países do norte de Europa que se autoasignan cotas á marxe dun reparto equilibrado, e que o Estado leve a cabo unha xestión interna das cotas que evite distorsións entre os distintos territorios do Estado e non favoreza a especulación nin a discriminación da frota galega.

Por último, a iniciativa reclamaba que o Goberno galego planifique xa “un plan propio de axudas económicas para o sector pesqueiro, complementario ás posibles convocatorias estatais, co obxectivo de amortecer o impacto de novos recortes de TACs e cotas que poidan acordarse na cita de decembro en Bruxelas”.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.