A Asociación Cultural Barbantia, Edicións Xerais, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo organizan a vindeira fin de semana a presentación do novo libro do escritor compostelán Suso de Toro, Terra de sacrificio. Será o venres 28 de novembro, ás 20:00h no Salón de Actos (1º Andar) do Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo. Amais, do autor, estarán presentes María Xesús Blanco, presidenta da asociación Barbantia, Xesús Laiño, vogal da asociación, e Julián Bustelo, alcalde do Concello de Rianxo. A apertura e o peche musical do acto virá da man da chelista Noa Crego Collazo da Escola de Música de Rianxo.
Terra de sacrificio, editado por Xerais, é en palabras deste selo “unha nova e polémica interpretación da historia recente de Galicia, a partir dunha entrevista imaxinada a Ramón Piñeiro e Castelao”.
O autor da entrevista imaxinada en que se basea toda a narración pon o foco en aspectos culturais, políticos e mesmo persoais dos protagonistas, e “evidénciase que, en moitos casos, a construción histórica dos personaxes difire da realidade dos feitos que sucederon”, informa Xerais, engadindo que “as explicacións sobre contas pendentes que Ramón Piñeiro ofrece nesta novela, respondendo a algunha pregunta incómoda, van deconstruíndo a súa propia figura, que se considera consolidada por unha parte da sociedade galega”.




