Ribeira presenta un orzamento de 29,7 millóns para 2025 co obxectivo de equilibrar as contas e asegurar investimentos en marcha

24 Novembro 2025

O Executivo local de Ribeira presentou un orzamento de 29.756.460 euros para o exercicio 2025, unha proposta que, segundo a alcaldesa, María Sampedro, responde a un “acto de responsabilidade” ante o nivel de gasto xa executado durante o ano. A rexedora explicou que, malia quedar pouco para rematar o exercicio, é necesario aprobar o documento para “equilibrar o gasto executado co ingreso, aprobar a oferta pública de emprego e dar cobertura a proxectos en marcha”. O texto debaterase nun Pleno extraordinario o 26 de novembro ás 20.00 horas.

O orzamento experimenta unha redución do 5,88 % respecto ao de 2024. Tal e como detallou a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, a rebaixa débese a que o documento anterior incluía máis de 2,6 millóns de euros en endebedamento no Capítulo 9, unha cifra que non se contempla para 2025.

Pouso subliñou que a aprobación deste orzamento é “imprescindible para dar cobertura ao gasto executado e permitir continuar coas inversións en marcha”. O documento chega ao pleno a finais de ano debido ao desequilibrio entre gastos e ingresos, ademais de buscar o cumprimento do Plan Económico Financeiro, da regra de gasto, dos obxectivos de estabilidade e dos límites de endebedamento.

Investimentos por valor de 2,6 millóns

No Capítulo 6, dedicado a inversións, recóllense partidas destinadas a compensar a perda de subvencións: 47.856 euros pola mellora da acometida eléctrica do futuro polígono industrial e 57.000 euros pola remodelación da praza do Centenario, ademais de 9.619 euros polo reintegro dunha axuda para a senda do río Saíñas. A alcaldesa indicou que se buscarán alternativas para non perder fondos nalgún destes proxectos.

Tamén se inclúen 70.000 euros para melloras en centros educativos, 60.000 euros para reforzar a iluminación pública, 120.000 euros para actuacións na rede de abastecemento e saneamento, e 213.000 euros para o novo parque infantil da praza do Centenario. En total, o capítulo de inversións ascende a 2.667.849 euros.

Servizos básicos e persoal, as partidas principais

O Capítulo 2, destinado a bens e servizos, é o de maior peso no orzamento, con 14.881.954 euros, o 50% do total. Inclúe servizos esenciais como o tratamento de augas residuais, a recollida de lixo, a limpeza viaria e o abastecemento de auga potable.

O Capítulo 1, relativo ao persoal municipal, ascende a 9.490.922 euros e inclúe, entre outras cuestións, a licitación do contrato de riscos laborais e recoñecementos médicos. “Fixemos un gran esforzo para poñer as contas ao día e avanzar cara a un novo proxecto para 2026”, destacou Sampedro.

Suplemento de crédito e reforzo de partidas

Na sesión plenaria tamén se avaliará un suplemento de crédito extraordinario por importe de 1.749.277 euros, procedentes do remanente de Tesourería, destinados a liquidar obras en execución e pagar facturas pendentes. Entre as partidas reforzadas destaca a de Festexos, que supera en máis de 100.000 euros a consignación de 2024.

Destínanse tamén máis de 500.000 euros para completar o Centro de Deportes Náuticos e 300.000 euros para mantemento das vías públicas, tanto no casco urbano como nas parroquias. As obras de pavimentación contarán cunha achega que rolda o medio millón de euros ao sumar este suplemento ao previsto no orzamento xeral de 2025.

En relación ás sentenzas xudiciais polas expropiacións de terreos do futuro polígono industrial, o Concello deberá asumir 300.000 euros, dos cales 180.000 se financiarán mediante o suplemento de crédito.

Bonos AmaRibeira e melloras en Aguiño

O Pleno tamén abordará a aprobación dun crédito extraordinario de 130.000 euros para poñer en marcha os bonos AmaRibeira, cunha dotación de 100.000 euros, e para financiar o bombeo necesario para activar o saneamento na rúa Muralla, en Aguiño, cun investimento de 30.000 euros.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.