A toxina remitiu, pero “hai pouco marisco e a prezos baixos”
Os bancos marisqueiros de Noia rexistraron unha intensa actividade tras superar o segundo episodio de marea vermella desde o inicio da campaña en outubro. Mariscadores e mariscadoras volveron ás praias, tanto desde terra como desde embarcacións, aínda que a extracción está a resultar complicada pola escaseza de produto comercializable.
Segundo fontes do sector, este ano houbo moita cría de marisco, pero non acadou aínda o tamaño legal de venda, o que dificulta encher os raños e obter rendementos aceptables. Na lonxa, a ameixa comezou a repuntar en prezos grazas á proximidade do Nadal, mentres que o berberecho mantense en cotizacións moi baixas, por debaixo do que sería desexable para os profesionais.




