
Os xuíces son autoridades públicas que se dedican a interpretar e aplicar as leis de maneira imparcial. Na realidade, todos sabemos e coñecemos por experiencia profesional de que con casos similares as sentenzas poden ser moi diferentes dependendo do xulgado ou do maxistrado que se encargue de xulgar o asunto. As leis elabóranse e ditan por parte do poder lexislativo e os xuíces son os encargados de interpretalas de acordo co ordenamento xurídico.
Os xuíces, tamén son persoas, teñen as súas ideas e simpatías políticas, co cal algunhas desas sentenzas están acorde á ideoloxía do funcionario público de quenda, que cobra dos orzamentos xerais do Estado ou o que é o mesmo de todos os españois. Lembro autos, providencias ou sentenzas xudiciais ditadas nos xulgados de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Padrón, Ribeira ou Noia, sobre o mesmo asunto, con diferentes interpretacións xudiciais.
Si, xa sabemos que non pasa nada, porque o sentenciado polos xulgados en primeira instancia, pódese recorrer ante a Audiencia Provincial ou o Tribunal Supremo, pero o certo é que xa se poden causar prexuízos persoais, familiares ou profesionais ás persoas imputadas mentres pasan os anos sen unha sentenza firme. É unha profesión con moita responsabilidade porque deles dependen que poidamos perder a nosa liberdade e ingresar en prisión, por iso é polo que deben ser honestos e dedicarse, unicamente, a impartir Xustiza e deixar a política para os políticos profesionais.



