
O suposto carácter “inocuo” para aves e moluscos da substancia desprendida no accidente portuario de Vigo non é tal, segundo os científicos, que desminten esa inocuidade. A vertedura de aceite de palma provocada pola implosión dun silo na terminal de Guixar durante os labores de descarga, xa se estende desde Baiona ata Moaña, segundo GCiencia , órgano da Universidade de Vigo.
Aínda que, como xa informaron a Autoridade Portuaria viguesa e a propia Xunta de Galicia, o aceite de palma non é tóxico, si é nocivo para o ecosistema mariño. Especialmente para especies coma o mexillón.
Así o confirmou o doutor en Bioloxía e investigador do CSIC Antonio Figueras: “As afirmacións de que non é contaminante porque o aceite de palma é utilizado na alimentaciòn animal, son cientificamente incorrectas. Aínda que menos persistente que o petróleo, o aceite de palma causa mortalidade masiva por obstrución física e representa unha ameaza documentada para ecosistemas mariños e acuicultura”.
O aceite de palma ten orixe vexetal. Extráese do froito da palma africana (elaeis guineensis) e está formado principalmente por acedos graxos saturados, monoinsaturados e poliinsaturados, principalmente oléico. No caso da vertedura ocorrida na ría de Vigo, o aceite solidificou formando unha mancha amarela na superficie da auga que se estende pola ría e apareceu en Baiona e Moaña, nas inmediacións dunha zona bateeira.
O doutor Figueras afirma que “estudos científicos demostran que a estearina de palma inhibe o crecemento de peixes e a reprodución de copépodos bentónjcos. Os mexillóns son particularmente vulnerábeis: filtran ata 25 litros diarios e son inmóbeis, alimentándose indiscriminadamente e carentes de capacidade encimática para descompoñer contaminantes”.
Un estudo de 2022 realizado pola pola Universidade Malaysia Terenggany e a University of Alberta de Canadá, revisaron casos de derrames de aceites vexetais no medio mariño. Os investigadores explican que estas verteduras e os subprodutos da súa degradación representan unha ameaza para os organismos mariños, porque poden recubrir e asfixiar especies: a capa que se forma na superficie reduce a luz e limita o intercambio de osíxeno, o que pode afectar á vida mariña.
Malia a existencia de múltiples estudos sobre degradación e toxicidade, os científicos sinalan que o aceite de palma foi pouco investigado. Sin embargo, o convenjo internacional MARPOL inclúe os aceites vexetais como substancias líquidas nocivas, consideradas perigosas tanto para os recursos mariños como para a saúde humana.



