O PSdeG-PSOE de Lousame expresou a súa satisfacción pola aprobación, no último pleno da Deputación da Coruña, do convenio de cooperación entre a institución provincial e o Concello de Lousame para a renovación do céspede artificial no campo de fútbol municipal de Cabanetán. A achega económica de 163.824,91€ permitirá mellorar as infraestruturas deportivas da localidade e resolver un problema de deterioro que se arrastraba desde hai tempo.

O voceiro socialista local, Juan José Prego Ces, destacou que a nova renovación “permitirá solucionar unha situación de deterioro que se viña alongando no tempo”, lembrando que foron as entidades deportivas do municipio e a veciñanza as que trasladaron a necesidade de acometer esta mellora. “Aínda estando na oposición, conseguimos, a través das nosas xestións coa Deputación, este tipo de melloras para o conxunto da cidadanía de Lousame”, afirmou Prego Ces, facendo fincapé no traballo do grupo socialista para conseguir esta achega.
Pola súa parte, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, tamén socialista, celebrou que o Concello de Lousame dera o paso adiante para solicitar esta actuación, que responde a unha moción presentada polo Grupo Socialista Local e aprobada no pleno municipal. Leira explicou que a proposta chegou á súa mesa grazas á iniciativa da Agrupación Socialista, e subliñou que, tras reunirse coas entidades deportivas da zona, puido constatar que a situación do céspede artificial estaba a ser cada vez máis inasumible.
“Foi unha petición que me chegou por iniciativa da Agrupación Socialista, e despois de reunirme coas entidades deportivas observei que a situación se viña prolongando demasiado tempo”, asegurou Leira, quen quixo felicitar á agrupación por traballar de maneira efectiva para poñer en valor esta necesidade e levar adiante as medidas necesarias para que o Concello solicitase o convenio.
Con esta actuación, a mellora das instalacións deportivas en Cabanetán e a súa accesibilidade para a cidadanía de Lousame fan un importante paso adiante, no marco dun proxecto de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello, que busca mellorar a calidade de vida e o acceso ao deporte na localidade.



