A chegada dunha nova borrasca situada ao oeste de Irlanda deixará este martes 11, San Martiño, unha configuración atmosférica marcada polo vento do sur, que traerá inestabilidade e choivas en boa parte de Galicia.
A xornada comezará con ceos parcialmente nubrados, con máis claros nas zonas de montaña do leste e norte da provincia de Lugo. Pola contra, na franxa atlántica o ceo estará xa cuberto desde primeiras horas, con precipitacións que se volverán máis xeneralizadas a partir da tarde e que serán persistentes e intensas durante a noite e a madrugada do mércores, día 12.
As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas se manterán sen cambios significativos.
O vento soprará forte de compoñente sur, con refachos moi fortes nas zonas altas e no litoral, podendo superar os 80 quilómetros por hora en moitas áreas de Galicia.
Activada para o martes a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

O noso mar: Vento do sur, forza 6 a 8. Media vaga. Visibilidade mala. Mar de fondo do oeste, con ondas de 2.5 a 3.5 metros á mañá e á noite e 3.5 a 4.5 metros á tarde.





