O Laboratorio Ecosocial do Barbanza foi galardoado por Nacións Unidas co premio Proxecto Insignia, que recoñece as boas prácticas educativas a nivel mundial. O recoñecemento outórgase pola iniciativa “Escola aberta e con fume”, un proxecto impulsado polo Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas.

A proposta ten como obxectivo introducir nos centros escolares de Galicia actividades relacionadas cos montes veciñais, poñendo en valor a súa importancia territorial, cultural e ambiental. Trátase dun formato flexible, adaptable aos niveis de Educación Primaria e Secundaria.
O proxecto está coordinado pola Fundación Montescola, dentro do marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, unha iniciativa que busca promover a transición ecolóxica e a resiliencia territorial da comarca. Ademais, pretende achegar ao alumnado á realidade do territorio galego mediante un modelo baseado na participación colectiva e a xestión democrática directa dos propios veciños.



