O Lab Barbanza acolleu este venres 14 de novembro a xornada Agro 360º sobre adaptación, sostibilidade e emprendemento no sector agroalimentario galego. O alcalde, José Ramón Romero, participou no acto de apertura deste encontro, sinalando que “dende o Concello de Boiro temos un forte compromiso coa promoción do emprego e este encontro é o resultado da colaboración que define este centro de formación, innovación, emprego e emprendemento; aquí créanse sinerxías que dan como resultado o xurdimento de ideas e proxectos emprendedores e de futuro”, afirmou o alcalde.
Agro 360º é unha iniciativa promovida polas empresas que forman parte do coworking Lab Barbanza como Orixe Salgada, que se ocupou da coordinación e organización das mesas de debate; Espazos verdes e David García, que se encargaron da decoración do espazo; Crea e innova, responsable da imaxe e difusión do evento; e Ángela Novo, que despois dunha colaboración con Elena de Orixe Salgada, conseguiu elaborar unhas velas artesás a base de algas que todos os asistentes recibiron como agasallo.

A primeira das mesas da mañá estivo centrada na sobre sostibilidade ambiental e cambio climático e nela falouse dos marcos legais que actualmente poñen dirección no sector, tanto na temática de sostibilidade como de adaptación ao cambio climático. Contou coa participación de José Ramón Vázquez; vicepresidente de Viratec, Jacobo Feijoo; responsable de medio ambiente e cambio climático de Unións Agrarias; Higinio Mougán, director-xerente AGACA; e Pablo Condo, enxeñeiro técnico agrícola e responsábel de Agrotech en Sinerxia Consultores.

A segunda mesa foi de innovación e empresa e, con exemplos reais, na que se puxeron de exemplo de proxectos e iniciativas que xorden do propio sector e que poden ser de inspiración e exemplo de boas prácticas. Participaron nesta mesa Paula Souto; directora de I+D de JEALSA; Ángela Yusta, responsábel de I+D en Paco y Lola; Javier Caneda, responsábel de produción vexetal en Del Agro; e José iglesias, co-fundador e director executivo (CEO) de Stelviotech.

A terceira das mesas foi sobre emprendemento e novos modelos de negocio cunha presentación de proxectos inspiradores que se están abrindo camiño entre a sostibilidade e a resiliencia. Nesta mesa participaron Elena Vitoria, directora executiva (CEO) de Salmoira; Rosa Arcos, secretaria xeral de FADEMUR; Deborah Franco, fundadora de Monet Tecnología e Innovación; e Maruxa Carmiña, co-fundadoras de Canumi.
A xornada rematou coa intervención da deputada de Emprego, Rosa Ana García, e cunha pequena degustación de viños e produtos do sector agroalimentario galego para os preto de cincuenta asistentes á xornada.



