
Prosegue o aporte de novidades relacionadas coa Sin-Son 10K 2025 (Porto do Son), que volve baixo o lema Corremos mirando ao mar para consolidarse, definitivamente, como o que realmente é: unha proba deportiva referente en Galicia. Logo da apertura das inscricións, o pasado 24 de outubro na páxina web Emesports, a Sin-Son é un fervedoiro de deportistas confirmando a súa presenza para o 21 de decembro, data na que está fixada a proba absoluta, e para o 20 de decembro, día no que está previsto que se celebre a Sin-Son para a rapazada. No caso da proba absoluta, este 11 de novembro a organización do evento (o Concello de Porto do Son) confirmou que xa había 1.500 corredoras e corredores inscritas/os, polo que entramos xa no período das “ultimísimas prazas”. O mesmo acontece coa modalidade de escolares, para a que este domingo 9 de novembro quedaban as últimas 200 prazas.
As inscricións, tanto para escolares como para a modalidade absoluta, rematarán o luns, 15 de decembro de 2025 ás 23:59h. ou ao completar a cota de prazas dispoñíbel.
A carreira vén con dúas grandes vertentes:
–Sin-Son 10 K, o domingo 21 de decembro a partir das 11:00h.
A carreira absoluta cuxa saída será ás 11:00 h disputarase sobre unha distancia de 10 km en ruta entre as localidades de Portosín e Porto do Son. A proba estará supervisada baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A proba absoluta 10K, ten un límite de 1.500 participantes.
Os participantes que se anoten antes do 1 de decembro, poderán elixir os puntos para a recollida dos dorsais nas seguintes localidades: Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. A partir do 9 de decembro ata o 13 de decembro; poderán facer efectiva a recollida. Para todos os participantes en xeral, que non elixan punto de recollida de dorsais, os puntos de recollida serán: Portosín (o día 20 de decembro na Casa da Cultura, na Feira do Corredor desde as 19:30 ás 21:00 h) e Portosín (o mesmo día da carreira en horario de 8:00h. a 10:30 h. da mañá, na Casa da Cultura, preto da zona de saída).
–Xornada previa probas escolares, o sábado día 20 de decembro a partir das 17.00 horas
As carreiras escolares disputaranse na localidade de Portosín o sábado día 20 de decembro, a partir das 17:00 h. Haberá un límite de 500 participantes e a proba para a rapazada será de balde. O prazo de inscrición pecharase o luns 16 de decembro ás 23:59h., ou ata completar 500 prazas.
Celebrase na localidade de Portosín saída e meta estará na zona portuaria.
A recollida de dorsais efectuarase dende as 15:30 h da tarde na localidade de Portosín (zona portuaria) onde estará instalada a meta.
Éxito da anterior edición
A pasada edición da Sin-Son 10k 2024 pechouse sendo todo un éxito, onde volveu colgar o cartel de completo e na que Adrián Ben e Edymar Brea alzáronse coa vitoria, na categoría masculina e feminina, respectivamente.
A proba celebrada o pasado decembro acolleu a máis de 1.500 corredores/as e onde o padriño da cita foi o propio Adrián Ben, campión europeo de atletismo en pista cuberta e diploma olímpico, que foi ademais o atleta triunfador da proba ao cruzar a liña de meta en primeiro lugar parando o crono en 29:37’.
A Sin-Son 10k conta cun elenco de atletas convidadas/os que participaron en anteriores edicións entre os que figuran nomes tan ilustres como Martín Fiz; Solange Pereira; Chema Martínez; Esther Navarrete ou Iván Raña.
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, destacou (coincidindo coa apertura das inscricións) que “confiamos en que esta nova edición volva ter unha gran acollida como todas as edicións anteriores. A Sin-Son é moito máis que un evento deportivo. É unha cita cultural, gastronómica e dinamizadora que evoluciona cada ano. Estamos moi contentos e orgullosos de poder ter na nosa vila esta proba que é un auténtico referente para todo tipo de corredores e un gran escaparate para Porto do Son”.





