O Concello de Padrón destina 20.000 € para dinamizar o comercio local en decembro (Bonos Padrón)

07 Novembro 2025

O Concello de Padrón pon en marcha a primeira edición da campaña Bonos Padrón. Padrón ten o que precisas, unha iniciativa coa que o Goberno local destina 20.000 euros de fondos propios municipais para apoiar o comercio de proximidade e fomentar o consumo de proximidade durante o mes de decembro.

A campaña foi presentada polo alcalde, Anxo Arca, e pola concelleira de Comercio e Turismo, Chus Campos, quen explicaron que se repartirán 2.000 bonos de 10 euros de desconto cada un para compras iguais ou superiores aos 20 euros realizadas entre o 1 e o 31 de decembro nos establecementos adheridos.

Prioridade para a veciñanza empadroada

Explicaron que os Bonos Padrón entregaranse de maneira presencial a partir do 1 de decembro, dando prioridade ás persoas empadroadas no municipio.

Do 1 ao 3 de decembro, as persoas maiores de idade empadroadas en Padrón poderán retirar ata dous bonos por persoa, presentando o seu DNI orixinal. A partir do 4 de decembro, os bonos poderán recollerse tamén por persoas non empadroadas ata esgotar os 2.000 dispoñibles.

O alcalde apuntou que “con esta iniciativa queremos dotar de liquidez aos negocios que teñen a súa sede de actividade en Padrón e que son un motor importante do noso desenvolvemento económico”. Engadiu que “os bonos complementan outras accións do Concello, como o alumeado de Nadal, co obxectivo de facer de Padrón un punto de atracción para visitantes da comarca e do resto de Galicia”.

Arca destacou tamén que “nesta primeira edición queremos darlle prioridade á veciñanza e ter en conta especialmente ás persoas maiores. Por iso, e para evitar problemas coa brecha dixital, os bonos entregaranse presencialmente na planta baixa da Escola de Música, situada na praza da Igualdade”.

Participación do comercio local

A concelleira de Comercio e Turismo, Chus Campos, explicou que na campaña poden participar “todos os negocios que teñan a súa actividade en Padrón, agás supermercados, grandes superficies e venda ambulante”.

Os establecementos interesados deberán inscribirse entre o 15 e o 25 de novembro na web www.bonospadron.gal, onde atoparán toda a información da campaña. Unha vez adheridos, deberán colocar nun lugar visíbel do local a imaxe identificadora da campaña.

Campos subliñou que “o obxectivo é que o comercio local se vexa recompensado e que os negocios de Padrón poidan incrementar as súas vendas nunha época de alta actividade como é o Nadal”.

Condicións de uso dos bonos

Cada bono terá un valor de 10 euros e deberá empregarse nun só establecemento para compras iguais ou superiores aos 20 euros, sen posibilidade de troco por diñeiro en efectivo.

En caso de devolución dun produto, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da compra. Os bonos poderán empregarse, entre o 1 e o 31 de decembro, en establecementos comerciais, hostaleiros e de aloxamento adheridos á campaña.

Os comerciantes deberán presentar os bonos recollidos, xunto cos correspondentes tíckets ou facturas, entre o 1 e o 16 de xaneiro de 2026, para que o Concello lles aboe o importe correspondente.

Toda a información da campaña Bonos Padrón está dispoñíbel na web www.bonospadron.gal, e as bases poden consultarse tamén na sede electrónica do Concello de Padrón.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.