
O Concello de Boiro, xunto coas empresas do Coworking Lab Barbanza, levará a cabo unha xornada sobre adaptación, sostibilidade e emprendemento no sector agoralimentario galego: a xornada Agro 360º. A cita será o venres 14 de novembro a partir das 11.00 horas e para participar é necesario inscrición previa no formulario web dispoñíbel na páxina municipal.
O Concello explicou que a xornada vai constar de mesas de debate especializadas, tres espazos de diálogo con persoas expertas da cadea de valor agroalimentaria e tamén contará cun espazo de traballo en rede (networking), unha oportunidade para establecer contactos e intercambiar experiencias.
A primeira das mesas redondas será sobre sustentabilidade ambiental e cambio climático e nela falarase dos marcos legais que actualmente poñen dirección no sector, tanto na temática de sostibilidade como de adaptación ao cambio climático.
Contará coa participación de José Ramón Vázquez; vicepresidente de Viratec, Jacobo Feijoo; responsábel de medio ambiente e cambio climático de Unións Agrarias; Higinio Mougán, director-xerente AGACA; e Pablo Condo, enxeñeiro técnico agrícola e responsable de AGROTECH en Sinerxia Consultores.
A segunda mesa será de innovación e empresa e, con exemplos reais, falarase de proxectos e iniciativas que xorden do propio sector e que poden ser de inspiración e exemplo de boas prácticas. Participan nesta mesa Paula Souto; directora de I+D de JEALSA; Ángela Yusta, responsable de I+D en Paco y Lola; Javier Caneda, responsábel de produción vexetal en Del Agro; e José iglesias, co-fundador e director executivo (CEO) de Stelviotech.
A terceira das mesas será sobre emprendemento e novos modelos de negocio cunha presentación de proxectos inspiradores que se están abrindo camiño entre a sostibilidade e a resiliencia. Nesta mesa van participar Elena Vitoria, CEO de Salmoira; Rosa Arcos, secretaria xeral de FADEMUR; Deborah Franco, fundadora de Monet Tecnología e Innovación; e Maruxa Carmiña, co-fundadoras de Canumi.
A xornada terá lugar o venres 14 de novembro de 11.00 a 14.00 horas no Lab Barbanza (Centro de Formación, Innovación e Empendemento) do Concello de Boiro, situado no Parque Empresarial de Espiñeira. A xornada está dirixida a persoas emprendedoras, profesionais do agro e persoal investigador, aínda que a entrada é libre. Para reservar praza é necesario inscribirse no formulario web.
Esta xornada conta co financiamento da Deputación da Coruña mediante as subvencións para financiar gastos de dinamización do espazo de traballo colaborativo Lab Barbanza, pertencente á Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.



