O Concello de Boiro informou do remate das obras destinadas a mellorar a infraestrutura viaria no Parque Empresarial de Espiñeira. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz, visitaron este mércores 12 de novembro as obras xunto con persoal técnico para coñecer a finalización das mesmas.
As obras executadas ascenden a un orzamento de 137.031,97 euros e contemplaron un asfaltado de camiño de acceso dende o polígono a unha parcela municipal, outro asfaltado dun acceso a unha pista forestal, o pavimentado de zonas de estacionamento e o acondicionamento dun novo aparcamento público.

O Parque Empresarial de Espiñeira comezou a súa andaina no ano 1998 e na actualidade conta cunha superficie de máis de 300.000 metros cadrados con preto do 90% das súas parcelas ocupadas. Estas obras dan continuidade ás que se veñen realizando nos últimos anos posto que, como consecuencia do tempo transcorrido e o alto nivel de ocupación, as infraestruturas viarias presentan necesidades e melloras.
Para levar a cabo estas actuacións o Concello de Boiro recibiu unha subvención da Consellería da Economía e Industria da Xunta de Galicia no marco das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.




