O BNG do Barbanza presenta emendas aos Orzamentos da Xunta por valor de 38,4 millóns de euros

07 Novembro 2025

O Bloque Nacionalista Galego do Barbanza presentou este venres ante os medios de comunicación as emendas rexistradas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, que suman un total de 38,4 millóns de euros. O obxectivo, segundo explicou a formación, é “atender as necesidades reais da comarca” e impulsar o seu desenvolvemento económico, social e ambiental.

No acto de presentación participaron o responsable comarcal do BNG, Francisco Rei; a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez; os voceiros nacionalistas Luís Pérez e Raquel Suárez; e o concelleiro de Ribeira, Xabier Vidal.

“A Xunta volve deixar atrás o Barbanza”

Desde o BNG lamentan que, “unha vez máis, a Xunta de Galicia do PP volva deixar atrás o Barbanza, ignorando as súas principais demandas e obviando que é unha das comarcas máis dinámicas económica e socialmente do país”. Francisco Rei subliñou que as propostas nacionalistas “buscan fortalecer o dinamismo económico da comarca e mellorar os servizos públicos, atendendo a reivindicacións históricas da veciñanza”.

Impulso económico e industrial

Entre as emendas presentadas destacan as destinadas a fomentar o crecemento económico e industrial, como:

  • Aumento do chan industrial Pobra-Ribeira, cun investimento inicial de 3 millóns de euros.
  • Implicación da Xunta no polígono industrial de Ribeira, cunha achega de 3 millóns de euros.
  • Nova depuradora para Boiro, cun orzamento de 12 millóns de euros.
  • Programa de rexeneración e recuperación das rías galegas, cunha partida de 50 millóns de euros.
  • Programa galego “Invesrías”, con 20 millóns de euros para investigación sobre perda de produtividade e cambio climático.

Mellora das comunicacións e infraestruturas

O BNG tamén propón actuacións para modernizar as comunicacións no Barbanza:

  • Humanización da estrada AC-305 en A Pobra, Boiro e Rianxo (3 millóns de euros).
  • Estudo da conexión ferroviaria do Barbanza (500.000 euros).
  • Remodelación da fachada marítima de Rianxo (1,5 millóns de euros).
  • Reforma integral da estación de autobuses da Pobra (300.000 euros).

Atención ás demandas sociais

As propostas nacionalistas inclúen un amplo bloque de actuacións sociais, con investimentos en sanidade, educación, dependencia e vivenda:

  • Melloras nos centros de saúde da comarca (2 millóns de euros).
  • Ampliación da área de hospitalización do Hospital do Barbanza (1 millón).
  • Residencias de maiores en Ribeira (1 millón) e Boiro (2,5 millóns).
  • Centro de día en Rianxo (700.000 euros).
  • Construción de vivenda protexida en Ribeira (1 millón).
  • Melloras en centros educativos, entre eles o CEIP O Grupo, CEIP de Olveira, IES Nº1 de Ribeira e CEIP Castelao de Rianxo, ademais da construción de dúas escolas infantís “Galiña Azul” en Ribeira e A Pobra e a reparación da de Boiro (máis de 5 millóns de euros en total).
  • Recuperación do bordo litoral da Ribeiriña e compra da antiga nave de Hadasa, con 1,2 millóns de euros.

O BNG tamén celebrou que a Xunta aceptase a demanda histórica de dotar a comarca dunha ambulancia medicalizada, impulsada por unha iniciativa popular en Boiro.

“Compromiso co futuro do Barbanza”

A deputada Rosana Pérez salientou que as propostas “non son só números, senón compromisos concretos co futuro do Barbanza, coa súa xente e co seu tecido produtivo”. Criticou que “un ano máis, os Orzamentos da Xunta ignoran por completo as necesidades reais das veciñas e veciños do Barbanza” e afirmou que “o Partido Popular volve demostrar que non ten proxecto para esta comarca”.

Pérez insistiu en que o BNG “presenta propostas concretas e viables, pensadas para mellorar a calidade de vida da poboación, reforzar os servizos públicos e impulsar o tecido produtivo”.

Pola súa banda, Francisco Rei concluíu que “estes Orzamentos volven esquecer o Barbanza e deixan claro que o PP non entende nin atende as prioridades deste territorio”, asegurando que o Bloque “traballa con propostas serias e responsables que poñen no centro as persoas e o futuro da comarca.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...