
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, informou este 11 de novembro sobre a situación da compra da antiga nave de Cerqueira, situada en Bandourrío. Segundo dixo, “non había absolutamente nada xestionado con relación á compra do inmóbel porque, para tal proceso, é necesaria a documentación perceptiva como é o informe de Patrimonio, especialmente, cando esta edificación estáincluída no catálogo de bens culturais no litoral”. Engadiu que “o informe vinculante non existía a 10 de outubro cando o anterior goberno local anunciou a suposta compra”.
O BNG, a través do seu voceiro en Ribeira, Luís Pérez Barral, respondeu ás criticas mostrando o documento onde figura o inicio do proceso de compra (datos ao remate deste texto).
Volvendo ás declaracións, de María Sampedro, a rexedora tamén mencionou o papel clave que debera xogar no proceso a Corporación: “Estamos a falar dun importe inicial de adquisición que sería necesario levar ao pleno por supoñer un investimento superior ao 10% dos recursos ordinarios da Administración local. O órgano competente para aprobar esa compra é o pleno da Corporación, sen o cal poríase en perigo o medio millón de fondos europeos que van a cargo do Plan de Sustentabilidade Turística. A adquisición de bens inmobles declarados de valor histórico o artístico corresponde ao pleno calquera que sexa o seu valor”.

A rexedora tamén criticou ao anterior executivo porque “solicitou no 9 de outubro a concesión dese espazo á Demarcación de Costas de Galicia, se ben é un órgano manifestamente incompetente ao transferirse as competencias sobre o litoral á Xunta de Galicia, competencias en materia de ordenación e xestión do litoral, con data efectiva dende o 1 de xullo do 2025”.
Seguindo este fío, o actual goberno municipal vén de reunirse coa Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, “que ten a competencia na materia a través do Servizo de Litoral”, e fíxoo, segundo relata a alcaldesa, “coa finalidade de aclarar a situación coa directora xeral, Paula Uría”.
Así, o Concello de Ribeira tramitou no 31 de outubro unha nova solicitude de título concesional de ocupación “ben fundamentada”, agardando a resolución que “de ser favorábel, levaría aparellada a renuncia de Cerqueiras a esta concesión”, engadiu a rexedora, apuntando que “reactivamos e poñemos en marcha dun xeito garantista e legal a futura compra da nave de Cerqueiras porque existe non só un compromiso coa execución de todos os fondos cos que conta este Concello, senón que tamén con toda a veciñanza de Bandourrío”, remarcou Sampedro. Un novo paso neste expediente administrativo do que xa se lle deu conta aos propietarios de Cerqueira.
A resposta do anterior executivo local
O ex alcalde e voceiro do BNG local, Luís Pérez Barral, compartiu a resposta do seu grupo ás ditas críticas e sinalou que “a información difundida pola alcaldesa na que se afirma que non había absolutamente nada xestionado en relación coa compra da nave de Conservas Cerqueira é falsa pero a verdade é máis poderosa”.
Indicou que “como pode comprobarse no documento oficial que mostramos, do ano 2023, durante o meu mandato como alcalde, iniciouse efectivamente o expediente de compra dese inmóbel”. Engadiu que isto “recóllese nos rexistros municipais que se iniciaron xestións de negociación coa empresa e coas administracións competentes xa que unha compra como esa esixe un procedemento administrativo e múltiples informes técnicos”.
Por tanto, explica Barral, “afirmar que non se xestionou nada é falsear a realidade”.
Apunta o ex alcalde que “a miña liña de traballo foi sempre clara: asegurar que ese patrimonio industrial conserveiro, que forma parte da historia e identidade de Ribeira, fose adquirido polo Concello para uso e beneficio da veciñanza. Tanto foi así que en 2021, o BNG xa presentaba unha proposta para protexer e preservar ese patrimonio. A reacción do PP a isto foi mofarse e votar en contra da proposta”.
Engadiu que “durante o noso goberno, contactei coa empresa para acadar un acordo a quen lle agradezo a súa boa disposición así como con administracións superiores, o que demostra claramente que o expediente existía e estaba en marcha”.
Sinalou tamén que “non se trataba só de adquirir un inmóbel, senón de poñer en valor un barrio enteiro da tradición mariñeira e conserveira de Ribeira. Ademais grazas ao bo traballo realizado, conseguimos deixar a maior cantidade de fondos europeos lograda nunca en Ribeira: 6,5 millóns de euros que permitirán revitalizar o barrio de Banda ao Río e converter a nave da conserveira Cerqueira nun ben público epicentro social e cultural. Por desgraza, o proxecto co que conseguimos eses 6,5 millóns tampouco tivo o voto favorábel do PP”.
Pérez Barral compartiu nas redes o documento que acredita o inicio do expediente:




