Proseguen os proxectos para mellorar as infraestruturas dos núcleos de Rianxo. Segundo lembrou o Concello, o pleno da Deputación da Coruña deu luz verde ao proxecto para a ampliación de redes de abastecemento e saneamento no lugar de Vilanustre (Asados), un dos proxectos que o Goberno local incluíu dentro do POS+2024. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 197.582€, permitirá ampliar as redes e dar servizo a todas as vivendas da aldea. Ademais, o proxecto inclúe a rexeneración completa do firme da rede viaria afectada ao rematar as obras.
Nas próximas semanas o Concello licitará o proxecto coa finalidade de que as obras estean rematadas o ano próximo.

Lembrar ademais, que a semana pasada o Executivo adxudicou o proxecto de ampliación das redes de abastecemento de auga para consumo e saneamento nos núcleos de Or e Meiquiz, na parroquia de Leiro.
Segundo informou o alcalde, Julián Bustelo, a actuación permitirá solucionar a evacuación de augas fecais a todas as edificacións do lugar e dotalas de conexión á rede municipal de abastecemento de auga. Ademais, renovarase por completo a rede viaria afectada polas obras.
O proxecto que conta cun orzamento de 208.785,50€ será executado pola empresa Movimiento de áridos y construcciones de Asora S.L.




