O Consistorio de Boiro acolleu na mañá deste xoves 27 de novembro a presentación oficial do Festiritititi 2025, o festival inclusivo organizado por Amicos con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
O acto contou coa presenza da vicepresidenta da entidade, Digna Iglesias; da responsábel da área de pekes de Amicos (Centro de educación Especial Amicos); Nuria Fernández e do concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, Raúl Treus.

Foi Javier Freijo quen explicou como se desenvolverá esta oitava edición, que terá lugar o mércores 3 de decembro, ás 11.00 horas, no Polideportivo de Barraña. Castro animou á cidadanía a participar activamente nesta celebración, que xa conta coa confirmación de 10 centros educativos do Barbanza.
A vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, agradeceu o apoio “da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e de empresas como Gadis, Veolia, McDonald’s Rías Baixas, Grupo Nosa, Fesba, Boiresa e Ángel Mar; así como do Grupo JEALSA, cuxo compromiso a través do programa We Sea é fundamental desde a primeira edición para facer realidade este festival da inclusión”.
Nesta mesma liña, Nuria Fernandez destacou que “queremos lembrar que o Día das Persoas con Discapacidade é un dos eventos máis importantes que levamos a cabo. Farémolo da mellor maneira que sabemos: de forma inclusiva, xogando todos xuntos co alumnado do Barbanza. Será unha xornada chea de sorpresas e convivencia. Queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Boiro, á Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e ao Grupo JEALSA polo seu apoio constante. Agardámosvos para compartir un evento tan significativo, no que a través dunha imaxe positiva da discapacidade promovemos un cambio real de actitudes e impulsamos a inclusión dos nenos e nenas mediante o xogo”.
Pola súa banda, Margarita Hermo, directora de relacións institucionais de JEALSA, participou a distancia na presentación do festival, sinalando que “o Festiritititi é, ante todo, unha celebración da convivencia e da integración. Este ano volveremos ver como máis de 500 escolares comparten xogos, risas e experiencias que lles permiten entender que a diversidade é unha verdadeira riqueza. Para nós, en JEALSA, supón una satisfacción apoiar un festival que favorece que cada neno e cada nena se sinta parte esencial dun día único. Esta iniciativa encaixa plenamente co noso programa de RSC We Sea e ese compromiso firme coa inclusión das persoas con capacidades diversas e co impulso de accións que contribúan a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
“O festival medra cada ano en impacto social. Esta oitava edición confirma que a inclusión non só é necesaria, senón tamén viábel cando se constrúe de maneira coordinada entre institucións, entidades sociais, empresas e centros educativos. O Barbanza pode sentirse especialmente satisfeito dun modelo que amosa o valor do traballo conxunto para avanzar cara a unha integración real”.
O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, subliñou que “dende o Concello queremos agradecer a Amicos a súa capacidade para unir entidades, centros de ensino e empresas cun obxectivo común: a inclusión. Grazas a este festival, celebraremos un día especialmente significativo, pero tamén queremos recoñecer o labor que Amicos realiza ao longo de todo o ano. O noso agradecemento esténdese aos rapaces e rapazas de Amicos e aos centros educativos que participan activamente en todas as actividades, contribuíndo a dar visibilidade á inclusión non só nunha data sinalada, senón cada día. A súa implicación é fundamental para construír unha sociedade máis aberta, diversa e igualitaria”.
O festival 2025 é posíbel grazas ao financiamento principal do Grupo JEALSA a través do programa We Sea, un compromiso sostido que permite a creación dunha celebración cada vez máis inclusiva, participativa e arraigada na comunidade do Barbanza. Xunto a JEALSA, colaboran tamén a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Veolia, McDonald’s Rías Baixas, Grupo Nosa, Fesba, Boiresa e Ángel Mar.



