Ao abeiro do Ciclo de Cine Mestre Mateo, Boiro vai dar acollida este domingo 30 de novembro ás 19.00 horas no Centro Social, a proxección do filme Salvaxe, Salvaxe.
Trátase dun filme documental de Emilio Fonseca con intervencións de Joana Casimiro, Pablo Sierra Abraín, Francisco Alvares e María Rene Flores Calvo.
A través desta longametraxe, a cámara adéntrase nos montes galego-portugueses, rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Xorde un antidocumental de natureza: lobos que miran a cámara aterrorizados e humanos que ouvean.




