A nova comedia de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, Amoriños, inicia este 21 de novembro a súa xira en Noia, marcando o debut dun espectáculo que está espertando un enorme interese entre o público galego. A función, que terá lugar no Liceo de Noia, conta xa con todas as localidades esgotadas.
Tras o éxito de Corentena e Corentena · Game Over, o dúo regresa cunha proposta centrada no que segundo indican é o “sentimento máis universal (e máis perigoso) de todos”, o amor. En Amoriños, Touriñán e Perdomo mergúllanse en citas tolas, encontros improbables e paixóns imposíbeis, dando vida a un First Dates á galega onde o humor salvaxe, a improvisación, a emoción e a súa inconfundíbel complicidade se cruzan en cada escena.
O espectáculo conta con textos orixinais e dirección dos propios protagonistas, co asesoramento de Noemí Rodríguez, dirección de produción de Laura Canto e deseño de iluminación de Gonzalo Porteiro, apoiado polo equipo técnico habitual das producións de Ainé.
A xira comeza hoxe en Noia e continuará nos vindeiros días e semanas por Vigo (23 de novembro), Vilagarcía de Arousa (13 e 12 de decembro), Santiago de Compostela (14 de decembro) e A Coruña (27 de decembro). En varias destas paradas xa se abriron segundas e terceiras funcións, debido á gran acollida do público.




