Este venres 7 de novembro o Museo do Gravado de Artes acolleu a inauguración da exposición Acotío, unha mostra que reúne oito pezas de gravado en punta seca realizadas por artistas da área de arte da Asociación Ambar. A exposición é o resultado final dun obradoiro intensivo impartido polo recoñecido mestre gravador Pepe Míguez, e, segundo fixo saber a asociación inclusiva do Barbanza con sede en Ribeira, “subliña o talento, a capacidade creativa e o rigoroso proceso artístico das persoas con diversidade funcional”.

O acto de inauguración contou cun gran respaldo institucional e social, coa presenza de María Sampedro, alcaldesa do Concello de Ribeira; Fernando Abraldes, concelleiro do Mar; Milagros Rey, presidenta de Ambar; Pepe Míguez, mestre gravador; e Manu Mimé, facilitador do obradoiro de arte de Ambar, xunto con todas as persoas artistas participantes: Daniel Piñeiro, David González, Domingo Ruiz, Esperanza Silva, Javier García del Río, Juan Sampedro, María Eugenia Reiriz e Mónica Rial.

O xerente do Museo do Gravado de Artes, Xoan Pastor, abriu o acto cunha emotiva declaración: “Para min esta é unha das mellores exposicións e a que máis alegría me dá… Hai grandes artistas que en dúas horas non son capaces de realizar unha punta seca… as artistas de Ambar fixérono e con gran mestría.”

Pola súa banda, o mestre gravador Pepe Míguez destacou a conexión profunda das obras coa experiencia persoal: “Os meus alumnos tiñan todos unha imaxe plasmada e iso é unha experiencia de vida. Xente como Espe que fixo o debuxo cun punzón sobre o zinc directamente e iso é algo ancestral. Coa súa diversidade visual, ela conseguiu representar a súa obra.”
Un dos artistas participantes, Javier García del Río, compartiu o proceso de traballo co público: “Primeiro tivemos que facer os debuxos, repasar co lapis e co boli e máis tarde traballar coa tinta. Logo veu o proceso do tórculo onde traspasamos a imaxe ó papel final que vedes hoxe exposto”.

A presidenta de Ambar, Milagros Rey, agradeceu o apoio e felicitou ás e aos artistas polo seu gran traballo. Seguidamente, Manu Mimé, facilitador do obradoiro, explicou a motivación do proxecto: “Este ano comezamos unha andaina co obxectivo de profesionalizarnos un pouco e dedicarnos ás artes gráficas. Queriamos que non se quedara só nun obradoiro senón que fose algo máis, unha mostra. E así é como nace Acotío”.
Pola súa banda, María Sampedro pechou o acto subliñando a relevancia de Ambar: “Para min hoxe tamén un día moi especial… que esta primeira intervención como alcaldesa no Museo do Gravado, un referente tan importante para nós, sexa da man da Asociación Ambar. Se Ambar recibe moito deste Concello e desta comarca é porque Ambar dá moito a este Concello e a esta comarca”.
O título da mostra, Acotío, fai referencia ó carácter rutineiro da vida, que, con todo, os artistas transforman en algo especial e esencial. As pezas xorden de motivos e sentimentos cotiáns, obxectos que lles fascinan ou que teñen un forte significado persoal.
A mostra está composta por oito gravados de punta seca.
Para subliñar o proceso artístico e o labor técnico, expuxéronse tamén as matrices que acompañan a cada obra.
Artistas participantes: Daniel Piñeiro, David González, Domingo Ruiz, Esperanza Silva,
Javier García del Río, Juan Sampedro, Ma Eugenia Reiriz e Mónica Rial.




