Alumnado da comarca muradá planta cen maceiras á beira do Camiño

27 Novembro 2025

Unha proposta de restauración ambiental da ruta xacobea a través da plantación de maceiras nas beiras do Camiño é o obxectivo que persegue a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia coa iniciativa: Maceiras no camiño. Este proxecto, que pretende recuperar unha tradición histórica que axuda ao peregrino, é financiado a través do GALP Costa Sostíbel e estase a desenvolver grazas á colaboración do CEIP Ramón de Artaza, o IES As Insuas e o centro ocupacional Adisbismur, coordinados pola Asociación Muros Vila de Auga e Sal.

“Hai moitos anos, nas beiras dos Camiños de Santiago había moitas árbores frutais: pereiras, cerdeiras, ameixeiras… e moitas maceiras, polo que os peregrinos podían coller unha mazá, recuperar forza e seguir o seu camiño. Pero estas árbores foron desaparecendo co tempo”, explica Montse París, da Asociación Muros Vila de Auga e Sal, coordinadora do proxecto, quen indica que “o que pretendemos facer agora é plantar maceiras no Camiño da Ría de Muros Noia que dean sombra e alimento, ademais de encher de cores e mazás a nosa ruta xacobea”.

Indo ao proxecto, sinalar que o alumnado do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez e do IES As Insuas (ambos centros de Muros) en colaboración con persoas usuarias do centro ocupacional Adisbimur plantaron xa un cento de maceiras de variedades autóctonas e aclimatadas ás condicións ambientais e meteorolóxicas da ría. Unhas maceiras identificadas cun cartel co símbolo da campaña: Maceiras no Camiño, no que se indica expresamente que os froitos desas maceiras están ao dispor dos peregrinos, ademais de agradecerlle, no seu caso, á persoa propietaria da parcela onde se realizou a plantación.

Entre as variedades plantadas figura, por exemplo, a Tres en cunca (tamén chamada Cacharela, ou De inverno) recollida en Santa María de Roo (Noia). Trátase dunha mazá de moita calidade que madura agora en novembro e gárdase até abril. A maiores, tamén se plantaron e se plantarán maceiras de especies como: Tres en rama, Morena raiada, Ollo mouro, De pebida, Grande plana estriada, Camoesa, Reineta do país, Mingán, Pero rico, Príncipe, Reineta de cedo e De pedra doce.

Montse París sinala que “escollemos maceiras porque son fortes e resistentes, medran en case calquera terreo, teñen un tempo de maduración moi longo, dan froito cada ano e cada variedade ten un sabor distinto”.

Asemade, pon en valor que sexan rapaces e rapazas da comarca os encargados da súa plantación xa que “o Camiño é historia viva e cada mazá que dea será unha lembranza de que a natureza e as persoas camiñamos xuntas. Pero tamén de que eses nenos e nenas, coas súas árbores, son xa parte do Camiño da Ría de Muros Noia”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.