A Asociación Boirense de Empresas (ABE) foi seleccionada como finalista nos Premios do Comercio Galego 2025, convocados pola Xunta de Galicia co obxectivo de recoñecer o labor dos profesionais e entidades do sector comercial e avanzar na súa competitividade, no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Os galardóns, que se entregarán o mércores 12 de novembro no Hotel Monumento San Francisco (Santiago de Compostela), constan de cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, Premio Comercio Traxectoria 2025, Premio Comercio Emprende 2025, Premio Comercio Dinamización 2025 e Premio Comercio Sostíbel 2025.
A ABE compite na categoría de Premio Comercio de Dinamización, que distingue o mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial dos últimos tres anos (2023-2025). Nesta categoría, a entidade boirense comparte final con Viveiro Centro Comercial Histórico e coa Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.
A candidatura da ABE presentouse pola súa campaña Boiro, Compras con Corazón, unha iniciativa que combinou actividades culturais, gastronómicas e familiares coa entrega de “vales corazón” que os clientes podían trocar por concertos, degustacións ou sorteos, promovendo así as compras locais dun xeito innovador e participativo.
Esta acción foi recoñecida previamente como unha das cinco mellores campañas de dinamización comercial de Galicia, e representa, en palabras da ABE, “o espírito de colaboración que caracteriza ao comercio boirense: empresas unidas, implicadas e con corazón”.
A representación da patronal boirense estará encabezada polo seu presidente, Daniel García, acompañado por membros da directiva e o equipo técnico. O presidente subliñou que “para nós xa é un premio estar entre os finalistas. Este recoñecemento pon en valor o esforzo conxunto de todos os negocios asociados, das institucións colaboradoras e do equipo humano da ABE por facer de Boiro un referente no comercio local galego”.
Desde a ABE queren agradecer o apoio de todos os socios e socias, así como a colaboración do Concello de Boiro e da Xunta de Galicia, que “fan posíbel seguir avanzando en proxectos que fortalecen o tecido comercial e impulsan a economía local”.
“Seguiremos a traballar con ilusión, compromiso e, sobre todo, con corazón, por un comercio vivo, unido e cheo de futuro”, concluíu Daniel García.




