
A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) foi escenario este venres 14 de novembro da Gala dos Premios ABE 2025, que xuntou máis de 200 persoas, cifra que segundo informou a patronal boirense superou todos os rexistros anteriores. De feito, foi a edición con maior participación desde a creación dos galardóns.
Un inicio festivo coa presenza de David Amor
A xornada arrincou cun espumoso de benvida, que permitiu aos asistentes intercambiar impresións nun ambiente distendido antes do acto oficial. Pouco despois, o humorista e presentador David Amor tomou o escenario para abrir a gala cun monólogo cargado de ironía e proximidade, marcando un ton desenfadado que acompañou todo o evento.
A intervención do presidente da ABE: un 2025 cheo de récords
O presidente da ABE, Daniel García, tomou a palabra no inicio da cita para facer balance do ano, destacando que 2025 foi “un ano extraordinario, no que batemos récords en todos os ámbitos”. No seu discurso subliñou que “o crecemento da asociación sumou 15 novas empresas e alcanza xa as 207 asociadas” e que este ano acadouse a máxima participación nas campañas de dinamización e unha alta asistencia a formacións e eventos. Tamén salientou o incremento nas votacións dos Premios ABE e “a consolidación do sistema de fidelización con 5.023 usuarios activos e máis de 40.000 tíckets rexistrados ao ano”. Igualmente destacou a mellora da comunicación interna, cunha suba do 20% na taxa de lectura dos correos informativos por parte dos socios. García puxo tamén en valor o traballo da ABE no acompañamento ás empresas, especialmente na tramitación de subvencións, onde se mantén unha taxa de éxito superior ao 90%.

No eido dos grandes proxectos, detívose na campaña Boiro, Compras con Corazón, recoñecida pola Xunta como unha das cinco mellores de Galicia e que, tras mobilizar a toda a vila, reuniu máis de 4.000 persoas no seu peche festivo.
A intervención incluíu ademais unha mención especial á presenza da ABE como finalista nos Premios do Comercio Galego 2025, o pasado mércores 12, experiencia que se lembrou coa proxección dun simpático vídeo sobre a viaxe a Santiago.
Entrega dos Premios ABE 2025
Mellor Comercio 2025
-Librería El Cisne
Recolleu o premio o seu propietario, Rafael García Hermida, de mans de Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa (Mellor Comercio 2024). Sinalou que “este premio é unha enorme alegría e un recoñecemento a todos os clientes que nos acompañan desde hai tantos anos. E quixo realizar unha mención especial para as miñas empregadas que son as que me acompañan no día a día e coas que quero compartir este premio”.
Mellor Empresa 2025
-Bar Os Fornos
Recolleron o galardón Juán José Romero Triñanes, Siño Romero e Jorge Romero, entregado por Jorge Fajardo, director xeral de Grupo JJ Chicolino (Mellor Empresa 2024). “Recibir este premio é un orgullo para toda a familia e para o noso equipo, que é quen fai posible o día a día de Os Fornos. Grazas aos clientes pola súa confianza e por facer que o noso proxecto siga medrando”, destacaron.
Premio de Honra ABE 2025

O momento máis emotivo da noite estivo protagonizado por José Ramón Outeiral Lapido, xerente de Autos Ramón Outeiral, recoñecido pola súa traxectoria á fronte dunha empresa familiar con máis de 75 anos de historia no transporte de viaxeiros. Durante a presentación, o presidente da ABE e o propio David Amor alternaron a lectura dos méritos, destacando a súa capacidade para manter vivo o legado familiar, impulsar a modernización do Grupo Outeiral ou trasladar a sede ao Polígono Industrial de Boiro. O público dedicoulle unha prolongada ovación.
O galardón foi entregado polo presidente da asociación, Daniel García, que sinalou que “este recoñecemento é moi especial porque resume unha vida dedicada ao transporte e á empresa familiar. Agradezo profundamente á ABE e, sobre todo á miña familia por acompañarme en cada paso deste camiño”.
Clausura institucional e celebración musical
Unha vez entregados os premios, David Amor regresou ao escenario cun novo monólogo antes de dar paso á intervención do tenente alcalde de Boiro, Luis Ruiz, quen destacou o papel esencial da ABE para o comercio e as empresas do municipio.
Tralas fotos de familia, os asistentes desfrutaron dun pincho e da música das DJs Pidechas o Corpo (Fragabuqui e Wanda Buluba), que puxeron ritmo e humor á celebración. Durante a festa realizouse tamén o sorteo dun bono de 100 euros dos Bonos ABE entre tódalas persoas presentes.
Unha noite para celebrar a forza empresarial de Boiro
A Gala dos Premios ABE 2025 volveu demostrar que o tecido empresarial de Boiro está máis unido, activo e dinámico que nunca. Cunha combinación de recoñecemento, humor, emoción e convivencia, o encontro reivindicou o papel esencial das empresas locais no desenvolvemento económico e social da vila.





