A Deputación recibe o recoñecemento Menina 2025 polo seu compromiso na loita contra a violencia machista

13 Novembro 2025

A Delegación do Goberno en Galicia outorgou á Deputación da Coruña o Recoñecemento Menina 2025 polo “seu traballo sostido na prevención, atención e erradicación da violencia de xénero en todo o territorio provincial”. O premio concédese no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller(25 de novembro) e destaca unha traxectoria que abrangue os 93 concellos da provincia, beneficiando a máis de 1,1 millóns de habitantes, dos cales 587.925 son mulleres.

A deputada de Política Lingüística, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra Tuñas, expresou a súa satisfacción polo galardón: “Este premio é un recoñecemento ao traballo de moitas persoas e entidades que durante anos veñen loitando contra a violencia machista na nosa provincia. É un estímulo para seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencia de xénero”.

O fallo do xurado salienta especialmente o investimento anual de 450.000 euros destinado a financiar persoal técnico especializado en igualdade nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Grazas a esta aposta pola proximidade, actualmente traballan no territorio 19 profesionais dedicados ao desenvolvemento de políticas de igualdade. “O labor destes equipos é esencial. Traballan día a día coas comunidades e fan posible unha intervención real e efectiva”, subliña Agra Tuñas.

A base estratéxica deste traballo é o Plan Provincial de Igualdade “Compartimos Plan 2019-2026”, que inclúe un diagnóstico rigoroso da situación das violencias de xénero na provincia e establece 20 accións específicas, das cales xa se executaron máis do 87 por cento. Este enfoque planificado, unido á coordinación con concellos e entidades, foi un dos aspectos máis valorados polo xurado.

Entre as iniciativas recoñecidas destaca a campaña De Fronte á Violencia de Xénero, iniciada en 2020 e actualmente adherida polos 93 concellos e máis de 120 entidades a través de defronte.gal. Tamén se salientou o proxecto piloto O Lavadoiro, desenvolvido en Moeche e San Sadurniño, pola súa capacidade para tecer redes veciñais de apoio e sororidade; e o traballo en prevención educativa con programas como Suprime o Control (2016–2019) e Stop Acoso, que chegou recentemente a 47 centros e 9.000 escolares.

O premio recoñece tamén o compromiso histórico da Deputación coa rede de acollida desde 1992, así como a súa aposta pola creación de materiais culturais propios, entre eles once curtametraxes realizadas por alumnado das comarcas da provincia. Ademais, destaca o labor dirixido a mulleres con diversidade funcional, con programas específicos de capacitación dixital fronte ás violencias dixitais.

“O noso traballo baséase na coordinación. Ningunha administración pode loitar soa contra a violencia machista. Este recoñecemento é para todas as persoas, profesionais, concellos, entidades e centros educativos que se implican cada día”, afirma Agra Tuñas. A deputada engade que este galardón “non é un punto de chegada, senón un impulso para seguir avanzando con máis forza, con políticas integrais, innovadoras e sostibles no tempo”.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...