A Deputación da Coruña convoca a IV edición do Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación

06 Novembro 2025

A Deputación da Coruña convoca a cuarta edición do Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación, co obxectivo de recoñecer a actividade investigadora e innovadora de persoas e entidades que teñan destacado nestes ámbitos.

O certame, que rende homenaxe ao filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón, busca poñer en valor o traballo científico e social de quen contribúe ao avance do coñecemento e da innovación desde Galicia e o conxunto do Estado.

O prazo de presentación de candidaturas abrirase o 17 de novembro ás 08:00 horas e permanecerá aberto ata o 17 de decembro ás 14:00 horas. As solicitudes deberán tramitarse de forma telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación da Coruña.

Tres modalidades e 19.500 euros en premios

O premio estrutúrase en tres modalidades, dotadas con 6.500 euros cada unha, o que supón un total de 19.500 euros en premios:

-Premio á traxectoria de vida adicada á investigación nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social ao longo dos últimos 30 anos.

-Premio á innovación científica, que recoñece proxectos innovadores nestes mesmos ámbitos.

-Premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova, menor de 35 anos.

As candidaturas poderán ser presentadas por persoas físicas ou xurídicas vinculadas á investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades, incluíndo disciplinas como a socioloxía, historia, xeografía, educación, ciencia política, economía, dereito, comunicación, filosofía, antropoloxía ou estudos culturais. Non se admitirán autocandidaturas.

Un xurado de prestixio

O xurado estará presidido pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e composto por cinco persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades e a innovación social. Participarán representantes da Deputación, do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial ‘Xoán Vicente Viqueira’.

En memoria de Xoán Vicente Viqueira

Este galardón lembra a figura de Xoán Vicente Viqueira Cortón (Madrid, 1886 – 1924), filósofo, psicólogo e escritor que viviu en Vixoi (Bergondo) ata os 12 anos. Considerado un dos grandes pensadores galegos do primeiro terzo do século XX, destacou pola súa defensa da educación e da lingua galega, e pola súa contribución ao pensamento científico e social desde unha perspectiva humanista e galeguista.

As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP nº 208, 30/10/2025) e na sede electrónica da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...