A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas PEL 2026, que achegan 8,6 millóns de euros

17 Novembro 2025

A Deputación da Coruña abriu este sábado 15 de novembro o prazo para solicitar as axudas do Plan de emprego local (PEL 2026), unha convocatoria dotada con 8.660.000 euros destinada a apoiar a contratación de persoal, realizar novos investimentos para a transformación e a competitividade e cubrir os custos das cotas á Seguridade Social e dos alugueiros de locais e centros de traballo das persoas profesionais autónomas. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de decembro ás 14.00 horas e a tramitación das solicitudes deberá realizarse exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación

“As axudas do PEL, que o vindeiro ano oscilan entre os 1.000 e os 48.900 euros por persoa ou empresa beneficiaria, permitirán seguir xerando emprego e impulsando pequenos negocios, especialmente no rural”, sinalou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.

O presidente explicou tamén que, “co obxectivo de favorecer a chegada dos fondos a novos proxectos empresariais, a Deputación mantén o criterio polo cal se valorará cunha maior puntuación ás empresas e persoas autónomas que non fosen beneficiarias de ningunha convocatoria anterior do PEL”.

Dos 8,66 millóns de euros da nova edición, 4,7 millóns destinaranse á creación e mantemento de emprego, 2,76 millóns financiarán investimentos en empresas de recente creación e 1,2 millóns corresponderán á liña PEL-Autónomos/as.

A principal novidade da convocatoria deste ano é a incorporación, dentro da liña PEL-Autónomos/as, da posibilidade de subvencionar as mensualidades de alugueiro de baixos comerciais, naves, oficinas ou centros de traballo, cunha axuda de entre 200 e 500 euros ao mes ata un máximo de 6.000 euros anuais. Ademais, mantense a subvención das cotas á Seguridade Social. Esta liña está dirixida ás persoas autónomas con domicilio fiscal, e no seu caso centro de traballo, en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Sesión informativa o 20 de novembro

Co obxectivo de explicar as novidades e resolver dúbidas, o xoves 20 de novembro ás 12.00 horas desenvolverase unha sesión informativa no coworking do Pazo de Arenaza, que poderá seguirse tanto de maneira presencial coma en liña. O persoal técnico do PEL realizará unha presentación detallada e unha simulación práctica dunha solicitude a través da plataforma SUBTeL para facilitar o proceso ás persoas interesadas.

Compatibilidade total entre as liñas do PEL

Todas as axudas do PEL son compatíbeis entre si. Isto significa que unha persoa autónoma con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 10.000 habitantes poderá acceder ata a 48.900 euros sumando as diferentes liñas (PEL-Emprende Investimento, PEL-Autónomos/as, PEL-Pemes Creación e Ampliación e PEL-Pemes Mantemento), sempre que cumpra os requisitos de cada unha delas.

Apoio ás persoas autónomas e reforzo de negocios no rural

No caso da liña PEL-Autónomos/as, a Deputación reforza o apoio a un colectivo fundamental para o tecido económico provincial ao incluír como gasto subvencionábel o alugueiro de oficinas e baixos comerciais, ademais das cotas á Seguridade Social. Poderán solicitar estas axudas as persoas autónomos con domicilio fiscal e, se procede, centro de traballo en concellos de menos de 10.000 habitantes, cun importe máximo de 6.000 euros ao ano e 500 euros por mes de alugueiro.

Axudas para a contratación: PEL-Pemes Creación e Mantemento

A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros e está destinada a empresas e persoas autónomas situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes. O programa permite subvencionar ata o 60% dos custos salariais dunha nova contratación, cun máximo de 12.000 euros para contratos a xornada completa de ata doce meses dentro de 2026. Pola súa parte, a liña PEL-Pemes Mantemento dispón de 1,2 millóns de euros para apoiar o mantemento de contratos indefinidos creados ao abeiro das axudas de 2025, cunha subvención máxima de 11.000 euros para persoas de colectivos vulnerables e de 10.000 euros para o resto.

Investimentos para fortalecer empresas no rural: PEL-Emprende Investimento

A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a persoas autónomas, pemes e microempresas de concellos de menos de 10.000 habitantes e cubrirá ata o 70% dos investimentos realizados en maquinaria, mobiliario, equipos informáticos ou aplicacións tecnolóxicas directamente vencelladas á actividade empresarial, cun máximo de 17.500 euros por persoa beneficiaria. Todos os elementos a subvencionar deberán ser novos.

Un programa estratéxico que leva creado máis de 8.100 empregos

O Plan de Emprego Local é unha das principais apostas de impulso económico da Deputación da Coruña. Entre 2016 e 2025 destináronse máis de 127 millóns de euros e creáronse 8.131 empregos, consolidándose como unha ferramenta clave para fixar poboación, promover emprego estábel e mellorar a competitividade das empresas, especialmente no rural. A través do PEL, a Deputación avanza nun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio que reforza a cohesión territorial e impulsa a actividade económica local.

Outros artigos

Martes 21, xornada de sol e lixeiro ascenso das máximas

Xornada con tempo maioritariamente seco, solleiro e de corte estival tanto na capital galega como en todo o litoral sur, aínda que coas habituais brétemas matinais da época. As Rías Baixas: o sol gañará a partida ás brétemas costeiras No litoral atlántico, a xornada...

+

Persoa trasladada logo dun incendio nunha cociña en Rianxo

Unha persoa foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago tras un lume que queimou a campá extractora e os mobles da cociña dun piso na rúa de Xosé María Brea Segade, en Rianxo. Foi a Policía Local a que informou ao 112 Galicia do incendio dez minutos despois das 5...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

ESPAÑA, DOS ESTRELLAS Este país es imposible inventarlo. Ni Azcona con sus guiones, ni Berlanga con sus corrosivas estampas de lo cotidiano, ni Picasso con sus trazos fragmentados, ni Dalí con sus deformados dibujos, ni Valle con sus esperpentos, ni Carandell con sus...

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

Ha terminado el Mundial y uno tiene la sensación de haber asistido a uncampeonato extraordinario pese a quienes lo organizaban. Porque, mientrasmillones de personas seguían con pasión cada partido, la maquinaria del fútbolmundial parecía empeñada en recordarnos que el...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.