
Son transportados polos recordos, con bastante frecuencia, a épocas pasadas. Din que vivían moito mellor, sen problemas, con moito recursos e cantidade de bens materiais. Crían ter o respecto da maioría dos seus veciños. Mesmo había “raparigas”, traballando na súa casa, limpando, preparando a comida …. O salario ou ben era en especie ou a cambio de pensión completa. O horario de traballo das “raparigas” ou simplemente “chachas” eran as vinte e catro horas do día. Só eles, “os señor@” da casa, tiñan a súa propia vida, os demais eran escravos do traballo por circunstancias da vida.
Con estas lembranzas non é estraño que, estas persoas e as súas familias, non queiran que a sociedade avance, que haxa cambios, que ocupen postos de goberno esta nova xeración de mozas, con ideas de liberdade e de xustiza social para unha gran maioría de cidadáns e non para uns poucos privilexiados. Recordos estes de un pasado non moi afastado e que oxalá non volva repetirse.
Estas persoas desexan que todo siga igual ou ben volva ao pasado glorioso dos seus devanceiros. Opóñense a que se eleven as rendas públicas dos pensionistas, eles xa cobran do seu plan de pensións privado. Están a favor dos recortes en sanidade e educación. Eles poden acudir a centros médicos e hospitais privados, sen listas de espera.
Tamén teñen aos seus fillos e netos en colexios privados, lonxe dos inmigrantes e deses mozos de familias humildes ou desestruturadas. Tampouco desexan que todos os cidadáns teñan dereito a unha vivenda digna. Eles posúen a propiedade de demasiados inmobles, grazas ao caciquismo exercido polos seus devanceiros. Prestaban diñeiro a cambio de hipotecar as casas e terreos de familias traballadoras para logo apropiarse delas ao saber que nunca poderían facer fronte aos seus compromisos de pago.
Todas estas persoas cren que a boa vida vai durar eternamente e que os seus descendentes van poder vivir de rendas. Non son conscientes e pouco lles importa que o resto da sociedade tamén ten o dereito a unha vida digna e a que os seus dereitos constitucionais sexan respectados. Chegará un día en que os recordos do pasado sexan só iso, recordos.



