Padrón pide á Xunta melloras no servizo de transporte público con Santiago

15 Outubro 2025

O Concello de Padrón presentou ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia un documento de alegacións ao proxecto de explotación clave XG847, que regula o servizo de transporte interurbano entre Padrón e Santiago de Compostela. A administración local reclama unha revisión da planificación actual para garantir unha mellor cobertura dos horarios laborais e educativos e adaptar o servizo ao incremento de persoas usuarias rexistrado no último ano.

Segundo o Concello, o plan presentado pola Xunta presenta carencias en determinadas franxas horarias, especialmente nas primeiras horas da mañá en sentido Padrón–Santiago e ao mediodía no traxecto de volta. As alegacións apuntan que a oferta actual “non é suficiente para cubrir as necesidades das persoas que se desprazan por motivos de traballo, estudo ou atención médica”.

Unha das principais demandas veciñais é o reforzo do servizo de regreso desde Santiago ao mediodía, xa que na actualidade só existe unha expedición nesa franxa. O Concello lembra que o pasado 6 de setembro moitas persoas quedaron na parada sen poder regresar, tendo que agardar desde as 13:30 ata as 16:05 horas, o que derivou en cinco reclamacións formais. O goberno local considera que ese tramo horario é de “alta demanda”, coincidindo co final das xornadas laborais, universitarias e citas médicas.

Incremento de usuarios e recorte de servizos

O Concello amosa a súa preocupación polo recorte de paradas e frecuencias nun contexto de aumento de usuarios. Ademais do crecemento poboacional, o consistorio destaca o transvasamento de viaxeiros do tren ao autobús tras a finalización das bonificacións ferroviarias vixentes desde 2022. Esta maior demanda está a provocar saturación en determinados horarios e que moitas persoas queden sen praza, sobre todo nos servizos das horas punta.

Tamén se recollen queixas cidadás por incumprimentos de horarios, falta de prazas e deficiencias nos vehículos, como asentos deteriorados ou falta de limpeza. O Concello sinala ademais carencias na atención ao usuario, xa que a estación de autobuses de Padrón non conta con punto de información operativo nin paneis dixitais para consultar horarios ou incidencias.

Petición dunha mellora integral do transporte

Nas súas alegacións, o Concello propón reforzar as conexións con Santiago en todas as franxas horarias, mellorar a coordinación cos servizos ferroviarios e avaliar a creación de liñas directas Padrón–Santiago para reducir os tempos de viaxe. Tamén demanda melloras na atención ao usuario, así como un control máis rigoroso do mantemento dos vehículos.

O goberno local agarda que a Xunta teña en conta estas propostas antes da aprobación definitiva do proxecto, co obxectivo de ofrecer un transporte público máis eficiente, accesible e adaptado á realidade de Padrón.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.