Padrón conta con nove proxectos de obra pública en execución e tres máis a punto de comezar

01 Outubro 2025

O Concello de Padrón atópase cun importante volume de obras públicas en marcha, con nove proxectos simultáneos que abranguen desde pavimentacións de vías ata melloras en espazos deportivos e infantís, así como renovación de infraestruturas de saneamento e abastecemento. A estas actuacións sumaranse de xeito inminente outras tres intervencións, como a renovación do Parque da Devesa, a mellora do Campo de Fútbol de Estramundi e a reforma do Cemiterio do Santiaguiño.

Para o Concello, “estas obras reflicten o compromiso da Administración local de mellorar os espazos públicos e avanzar en infraestruturas en todas as parroquias do municipio”.

As actuacións actualmente en curso son:

-Cinco pavimentacións de vías nas zonas de Pousada, Pazos, Sinde, Pedreda e Sande.

-Instalación dunha nova pista deportiva, o pump track no Paseo da Constitución.

-Renovación do parque infantil da rúa Vila de Rianxo.

-Pavimentación dos camiños do Cemiterio da Matanza.

-Cambio de canalizacións de saneamento, abastecemento e pluviais na rúa Real.

De xeito inminente comezarán outras tres actuacións:

-Renovación do Parque da Devesa (Estramundi).

-Cambio do céspede e mellora do sistema de rego do Campo de Fútbol de Estramundi.

-Mellora do Cemiterio do Santiaguiño, que inclúe pintado da fachada e axardinamento de zonas interiores deterioradas.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destaca que “nunca se vira en Padrón un volume de obra pública en execución tan elevado. Isto evidencia a grande capacidade de xestión desta administración, que volve funcionar despois de moitos anos de parálise”. “Padrón necesita moitas melloras, en todos os territorios, por iso traballamos sen descanso para conseguir a maior cota de avances no menor tempo posible”, engade o rexedor.

Estas actuacións forman parte do esforzo do Concello por modernizar infraestruturas, coidar espazos públicos e garantir avances visibles e duradeiros en todas as parroquias do municipio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Vivenda e administracións públicas” – José Manuel Pena

“Vivenda e administracións públicas” – José Manuel Pena

Somos moitos os que cada vez estamos máis convencidos de que o problema da vivenda se utiliza como cuestión política e electoral pero non hai unha vontade real en buscarlle unha solución a miles de familias que teñen moito problemas para atopar unha vivenda...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.