Padrón celebra a primeira edición da Mostra de Cinema Galego FOCO para achegar o audiovisual á veciñanza

13 Outubro 2025

O Concello de Padrón presentou na Alcaldía a primeira edición da Mostra de Cinema Galego FOCO, un novo evento cultural que se desenvolverá os días 17, 18 e 19 de outubro en diferentes espazos da vila. A cita nace co propósito de crear un espazo estable de encontro arredor do cinema galego, combinando proxeccións, actividades divulgativas, propostas musicais e iniciativas participativas dirixidas a públicos de todas as idades.

No acto de presentación participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado de Javier Figueroa, director de márketing da Corporación Cortizo; Xosé García Lapido, da Fundación Rosalía de Castro; e Fernando Rodríguez, en representación do colectivo FOCO, organizador da mostra.

Recoñecemento a Mabel Rivera

Un dos momentos máis destacados desta primeira edición será o recoñecemento á actriz Mabel Rivera, galardoada co Premio Goya á mellor interpretación feminina de reparto por Mar adentro (2004). Rivera recibirá o I Foco de Honra, en homenaxe á súa ampla traxectoria no teatro, no cinema e na televisión galega, así como á súa contribución á proxección internacional do audiovisual do país.

Un programa variado e para todos os públicos

A programación arrincará o venres 17 de outubro, ás 19.00 horas, no auditorio do Parque Tecnolóxico Cortizo, co acto inaugural e a proxección do filme Antes de Nós, dirixido por Ángeles Huerta, que aborda a figura de Castelao e a súa relación con Virxinia Pereira. A sesión contará cun coloquio co guionista Pepe Coira, un dos grandes referentes da ficción galega actual.

O sábado 18 de outubro a mostra trasladarase á rúa Real, onde, entre as 11.00 e as 14.00 horas, desenvolverase a actividade infantil A Caixiña de Mistos, unha caravana itinerante considerada “o cine máis pequeno do mundo”, na que se exhibirán curtametraxes para público familiar.

Pola tarde, ás 18.15 horas, o Auditorio da Casa de Rosalía acollerá a proxección de A poeta analfabeta, documental de Sonia Méndez sobre a vida e obra da poeta e activista Luz Fandiño. Tras o pase, celebrarase un coloquio coa produtora Nati Juncal, e a xornada rematará cun concerto de O’Leo de Matamá, ás 20.00 horas no mesmo espazo.

O domingo 19 de outubro, a clausura terá lugar no Auditorio de Padrón ás 18.00 horas coa proxección do documental A loita final, dirixido por Enrique Banet e producido pola propia Mabel Rivera, centrado nas consecuencias sociais e ambientais do proxecto industrial de ALTRI en Palas de Rei. Tras a proxección, terá lugar unha charla co director e a entrega oficial do I Foco de Honra á actriz.

Unha cita chamada a consolidarse

Durante a presentación, o alcalde Anxo Arca destacou a relevancia dos espazos que acollerán as proxeccións:

“Eramos conscientes de que en Padrón existían lugares que podían conferir dignidade a esta iniciativa, polo que nos puxemos en contacto con aqueles que consideramos máis axeitados. Quero expresar o meu agradecemento á Corporación Cortizo e á Fundación Rosalía de Castro pola súa excelente disposición”, indicou o rexedor.

Arca subliñou ademais que a mostra “quere implicar a todos os públicos e converterse nunha cita de referencia dentro da ampla e variada oferta cultural padronesa”.

Un comercio de cine

Paralelamente, e durante toda a semana, poderá visitarse a exposición Un comercio de cine, instalada nos escaparates de diversos establecementos da vila. A mostra reúne programas de man das antigas salas de cine de Santiago de Compostela, ofrecendo unha viaxe pola memoria cinematográfica da contorna.

Todas as actividades da Mostra FOCO serán de acceso libre ata completar aforo, reforzando o obxectivo de achegar o cinema galego á veciñanza e aos visitantes que se acheguen a Padrón durante a fin de semana.

Outros artigos

Falece un home tras ser atropelado en Cee

Un home faleceu esta mañá tras ser atropelado na VG-1.4, ao seu paso pola parroquia de Toba, en Cee. O accidente produciuse no quilómetro aproximado 4 da vía. Un particular contactou co 112 Galicia ás 07:45 horas para informar do atropelo. Segundo indicaba, a vítima...

+

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.