A NOSA WEB E REVISTA “CÓDIGO CERO” FOI FINALISTA NO APARTADO DE INICIATIVAS CULTURAIS E CIENTÍFICAS.
A literatura, a música, as artes, a investigación e a cultura dixital foron protagonistas na nova edición dos Premios da Crítica de Galicia, entregados este sábado nunha gala celebrada en Vigo. Estes galardóns, que se conceden de maneira ininterrompida desde 1978, recoñecen a excelencia e o compromiso coa cultura galega en diferentes ámbitos da creación e da investigación.

Na modalidade de Creación Literaria, o premio foi para Lara Dopazo pola súa obra Contos gringos, un volume de relatos que explora as relacións humanas e o desarraigamento cunha voz literaria singular e madura.
O recoñecemento á Investigación en Ciencia e Tecnoloxía recaeu en Daniel Lamas, Andrés Justo, Mario Soilán e Belén Riveiro polo proxecto Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models, un traballo pioneiro que combina enxeñaría e intelixencia artificial para mellorar o control estrutural de pontes.
Na categoría de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, o premiado foi Xosé Miguel Andrade polo estudo As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades, unha análise crítica e documentada sobre o fenómeno xacobeo.
O galardón de Iniciativas Culturais e Científicas foi para o programa Apego, unha proposta impulsada por concellos galegos para fomentar o uso do galego desde a infancia, destacando pola súa vocación social e educativa. Nesta categoría foi finalista a nosa publicación e web CODIGO CERO.
No eido da Música, o Cuarteto Quiroga foi distinguido polo seu labor interpretativo e de difusión internacional da música de cámara. En Artes Plásticas, o recoñecemento foi para Chus Martínez, mentres que en Artes Escénicas o premio recaeu no Teatro de Ningures pola obra As guardias ou o nó do tecelán.

Na categoría de Artes Audiovisuais, o galardón foi para Manolo González, unha das figuras máis destacadas na promoción e análise do cinema galego. En Cultura Gastronómica, o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra foi recoñecido polo seu compromiso coa formación e a innovación culinaria. Finalmente, en Cultura Dixital, o premio foi para o Festival Carballo Interplay, pola súa aposta pola creación audiovisual e os contidos nativos en internet.
Durante o acto, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou o “persistente labor” destes premios a prol da dinamización cultural e a súa capacidade de “evolucionar e camiñar cos tempos”, incorporando novas modalidades que reflicten a realidade contemporánea da cultura galega.




