O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres 3 de outubro, por unanimidade, un investimento adicional de 22 millóns de euros para o Plan Único (POS+2025), que acada así os 138 millóns de euros, consolidándose en palabras do Goberno provincial “como o maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis ambiciosos do Estado”. Do total desa cantidade, 17,8 millóns irán dar aos concellos da comarca do Barbanza.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta nova achega “bate un novo récord histórico de investimento nos concellos e confirma o compromiso firme da Deputación coa autonomía municipal, a igualdade territorial e o reforzo dos servizos públicos”.
Engadiu que “con este Plan, a Deputación inviste este ano máis nos 93 concellos coruñeses que a Xunta nos 313 concellos galegos, e facémolo con fondos incondicionados, que os concellos poden destinar a aquilo que realmente precisa a veciñanza”.
Lembrou que o Plan Único (POS+2025) chegou xa aos 116 millóns de euros en maio “tras unha primeira modificación de crédito de 30 millóns aprobada por unanimidade”, e que co novo suplemento aprobado este venres 3 de outubro, acada os 138 millóns, “converténdose no maior orzamento da historia deste instrumento de cooperación local”.
Explicou que o modelo permite aos concellos destinar os fondos segundo as súas prioridades e necesidades reais, e abrangue desde obras de infraestruturas básicas ata servizos sociais, ambientais ou culturais. “Só este ano xa foron aprobadas 362 obras, que inclúen melloras en estradas e camiños, redes de saneamento e abastecemento, pavimentacións, centros sociais, parques públicos, e renovación de instalacións culturais, deportivas e docentes”, manifestou o presidente provincial, apuntando que o Plan destina tamén fondos a gasto corrente, que “permiten aos concellos da provincia garantir servizos esenciais como alumeado público, mantemento de vías municipais, recollida de lixo ou conservación de instalacións; 7 millóns de euros para gasto social, reforzando a atención á cidadanía máis vulnerábel e 12 millóns de euros para amortización de débeda e financiamento de servizos nos concellos sen débeda”.

Investimentos por comarcas
O impacto do Plan Único é directo e equitativo en todo o territorio da provincia. Por comarcas, os investimentos deste ano 2025 ascenden a:
Máis de 30,2 millóns de euros nas comarcas da Coruña e As Mariñas.
39,5 millóns na comarca de Compostela.
26,5 millóns en Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Preto de 24 millóns en Bergantiños e Costa da Morte.
17,8 millóns na comarca do Barbanza
“Estas cifras confirman a ampla distribución territorial e o carácter igualitario e equilibrado do Plan Único, que garante que todos os concellos, con independencia do seu tamaño ou localización, dispoñan de recursos para atender as súas necesidades e mellorar a calidade de vida da veciñanza”, recordou Valentín González.

Máis de 822 millóns investidos desde 2017
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva mobilizados máis de 822 millóns de euros, permitindo a execución de 4.592 obras e proxectos que melloran a calidade de vida e fortalecen os servizos públicos no ámbito local.
“O modelo destaca pola súa xestión descentralizada, transparente e equitativa, outorgando plena autonomía aos concellos para decidir o destino dos fondos”, salientou o Goberno da Deputación, engadindo que “grazas a esta ferramenta, moitos municipios puideron desenvolver políticas públicas que doutro xeito serían inviábeis, especialmente no rural”.
Formoso reiterou a súa petición á Xunta de Galicia para que incremente o Fondo Galego de Cooperación Local ata os 200 millóns de euros, como medida clave “para garantir a viabilidade dos pequenos e medianos concellos que cada vez asumen máis competencias sen o financiamento correspondente”.



