A comunidade Orgullo Galego lanzou o luns 20 de outubro os 3 primeiros capítulos do seu proxecto titulado Martiño de Dumio: A espiritualidade popular no Reino da Galiza, unha serie que se vai desenvolve até finais deste ano 2025. O cuarto dos capítulos ten como protagonista o Outeiro Bicudo, situado en Portosín e no que a antropóloga local Lidia Mariño explica o significado deste monumento así como o significado da figura mitolóxica da Moura.

Impulsado por Borxa González Castro de Orgullo Galego e ao abeiro do certame Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia da Área de Cultura da Deputación da Coruña, desde Orgullo Galego buscan entender como pensaban e como crían os habitantes do século V tirando do De Correctione Rusticorum de Martiño de Dumio.
Dende Orgullo Galego explican que Martiño de Dumio foi un relixioso cristián do século VI que, aínda sen ter nacido na Gallaecia, “foi unha figura fundamental que determinou non só os destinos do Reino naquela altura senón para os séculos posteriores”. As decisións e análises de Martiño
de Dumio influíron de tal xeito que chegaron até os nosos días. O bispo chegou ao Reino Suevo da Galiza cara o ano 550 e tivo un papel fundamental na monarquía sueva, tanto a nivel cultural como relixioso e político. O sermón elaborado polo bispo San Martiño de Dumio no s. VI, coñecido como De Correctione Rusticorum (Da corrección dos rústicos) supón “unha fascinante aproximación á mentalidade relixiosa dos habitantes do Reino de Galiza na época”, explican dende Orgullo Galego, engadindo que o bispo deixa constancia do que el considera prácticas idolátricas, sendo estas, para os historiadores das mentalidades e antropólogas, unha fonte única para analizar ritos e crenzas da época alleas ao cristianismo, sobrevivindo moitas delas até os nosos días en forma de seres míticos ou tradicións.
Os investigadores lembran que Martiño de Dumio “non só destacou pola conversión do Reino ao cristianismo ou polos fundamentais concilios de Braga, tamén por influír sen querelo na lingua galega, xa que el é responsábel de que chegasen até os nosos días os días da semana na forma das feiras”. Tamén documentou cultos que chegaron até tempos recentes coma o culto aos animais, as aves e os agoiros, as crenzas e cultos máxicos
ás fontes, cruces de camiños ou ás herbas, o tronco no lume, etc.

Para este proxecto, Orgullo Galego conta coa antropóloga sonense Lidia Mariño quen é a condutora dos capítulos. Lidia Mariño naceu en Portosín no ano 1984, é diplomada en Fisioterapia, graduada en Antropoloxía Social e Cultural na UNED e conta coa titulación de varios cursos sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega, así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais. No apartado da gravación e montaxe participará David Miranda, especialista en comunicación audiovisual, mercadotecnia dixital e estratexia de marca. David Miranda foi premiado no Youtubeiras polo proxecto Falemos do Reino de Galicia. O proxecto contará tamén con subtitulado adaptado en lingua galega por parte profesional Jose Rodríguez, graduado en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo.
“Nestes vídeos falamos sobre os agoiros ligados aos animais, os ritos asociados á herba de namorar, o culto ás fontes, tamén da figura mitolóxica da Moura, os Amilladoiros, o tizón de Nadal, as vulcanais, etc. Os temas que tocamos están relacionados con lugares moi concretos do noso país, e así neste proxecto visitarán Santo André de Teixido, Noia, Porto do Son, Betanzos, Compostela, Outes, etc”, sinalan, engadindo que unha vez publicados os 8 vídeos tocará a quenda da conversa online mantida entre Borxa González Castro (Orgullo Galego) e Lidia Mariño (antropóloga). Unha conversa realizada no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume) e na que durante case 60 minutos afondarán máis sobre os temas tocados nos 8 audiovisuais.
Este proxecto levará tamén a publicación de infografías e un artigo na páxina web de Orgullo Galego. Para rematar nos meses de novembro e decembro visitarán varios centros de ensino para presentar o proxecto e mostrarlle ao alumnado a importancia do noso patrimonio así como da nosa historia, buscando levar o proxecto a todos os públicos e sensibilizar sobre o Reino de Galiza. Tanto os vídeos como as conversas poderán visualizarse na canle de Youtube de Orgullo Galego deitando as infografías, pequenos vídeos e o artigo nas súas redes sociais de Instagram, Facebook, Tik Tok,
X, Telegram, Whatsapp e Bluesky.
Orgullo Galego é unha comunidade en redes en lingua galega que conta con máis de medio millón de seguidoras e seguidores presentes en máis de 80 países, polo que o obxectivo é achegar a nosa historia a un público amplo e diverso, contribuír a levar o Reino Galego ao conxunto da poboación.




