Este martes 21 de outubro celebrouse en Ribeira un pleno extraordinario e urxente da Corporación no que se debateron aspectos relativos á organización do novo goberno municipal para o que resta de mandato ata 2027. Durante a sesión, a alcaldesa, María Sampedro, dixo que “este equipo resulta máis económico para as arcas municipais e, polo tanto, para os petos dos ribeirenses nun compromiso férreo por avanzar en proxectos transcendentes para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Explicou que “o importe total do actual executivo sitúase nos 245.295,40 euros, mentres que o anterior ascendía aos 281.520,54 euros, polo tanto estariamos a falar dun aforro de 36.225,14 euros anuais para o conxunto dos ribeirenses, un 13% menos”, sinalou, concretando que “fronte ás sete dedicacións exclusivas do executivo saínte, o actual equipo propuxo cinco dedicacións exclusivas e dúas parciais, o cal reducirá o custe total para o Concello sen afectar á capacidade para dar resposta ás demandas e necesidades da xente de Ribeira, xa que esta se verá incrementada ao contar con 13 concelleiros”.
Esta cuestión obtivo o respaldo dos 14 votos a favor do PP, PBBI e 1 non adscrito, ademais das 7 abstencións do BNG, PSOE e 1 non adscrito.
As dedicacións exclusivas corresponden aos cargos da rexedora, María Sampedro; da primeira tenencia de Alcaldía e concelleiro de Servizos Sociais, Mercados Municipais, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns, Vicente Mariño; da segunda tenencia de Alcaldía e concelleira de Economía e Facenda, Vías e Obras, Herminia Pouso; da terceira tenencia de Alcaldía e concelleira de Cultura, Turismo e Igualdade, Ana Barreiro; e do concelleiro de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal; mentres que as parciais se corresponden co concelleiro de Mar, Promoción do Litoral e Festexos, Fernando Abraldes; e co concelleiro de Medio Ambiente e Iluminación Pública, Víctor Reiriz.
A voceira do PP, Ana Barreiro, e o seu homólogo do PBBI, Vicente Mariño, defenderon que o seu modelo de xestión “reduce o número de dedicacións exclusivas, sen supoñer un detrimento para a atención dos veciños e veciñas”. Tamén se manifestaron sobre as dúas dedicacións parciais propostas por “tratarse de áreas densas de xestionar”.
“Este novo equipo supón unha importante rebaixa no custe das dedicacións. Repito: son mais concelleiros a traballar para os veciños e veciñas de Ribeira, pero menor custo para as arcas municipais”, manifestou a voceira do PP, Ana Barreiro.En liñas similares, tamén se pronunciou o voceiro do PBBI, Vicente Mariño, para quen “este é un goberno que resulta máis económico para os petos dos nosos veciños, pero con gran capacidade de acción para resolver os problemas do día a día.”
Respecto a área de Servizos Municipais, a alcaldesa explicou que non haberá só unha persoa á fronte desta área, senón dúas ao dividirse Limpeza Viaria e Iluminación Pública en dous edís, unha área delas con dedicación parcial.
Tamén se aprobou cos votos favorables a contratación de persoal eventual para responsábel do Departamento de Comunicación Institucional e para secretaría de Alcaldía ao igual ca nos anteriores mandatos, pero equiparando os salarios.
Outros dos puntos que saíu adiante foi o das tenencias de Alcaldía. Vicente Mariño ostentará a primeira, Herminia Pouso, a segunda, e Ana Barreiro, a terceira.
No que a Concellerías respecta, a alcaldesa, María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (se ben a UCA pasará a ser asumida en próximas datas por parte do Servizo Galego de Saúde) e Persoal; Ana Barreiro, de Cultura, Turismo e Igualdade; Álex Vidal, de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías; Emilio Pérez, de Limpeza Viaria; Vicente Reiriz, de Auga e Saneamento; Víctor Reiriz, de Medio Ambiente e Iluminación Pública; Ramón Doval, de Relacións Institucionais; Carmen Pérez, Promoción Económica, Emprego e Consumo e Xuventude; Eladio Muñiz, de Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal; Juana Brión, de Educación, Formación e Promoción da Lingua; Vicente Mariño, de Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenvolvemento Industrial e Parques e Xardíns; Herminia Pouso, de Economía e Facenda, Vías e Obras; e Fernando Abraldes, de Mar, Promoción do Litoral e Festexos. Outras cuestións organizativas.
Tamén se lle deu luz verde a outros puntos da orde do día como o nomeamento da Xunta de Goberno Local, a composición das Comisións Informativas, a Mesa Permanente de Contratación e a representación nos órganos colexiados.
A Xunta de Goberno Local celebrará sesións ordinarias cunha periodicidade semanal, os xoves, ás 10.00 horas, para tratar as licenzas, autorizacións e outras medidas que garantan o correcto funcionamento municipal. Estará composto pola propia alcaldesa María Sampedro, e os edís Vicente Mariño, Herminia Pouso, Ana Barreiro, Emilio Pérez, Juana Brión, Carmen Pérez e Eladio Muñiz.
Sinalaron que “as comisións informativas permanentes terán lugar con antelación suficiente con relación ao pleno correspondente” e que “serán sete e unicamente introducen o cambio de reducir a un a representación do PBBI e incorporar un do grupo de non adscritos”.
En canto á nova Mesa de Contratación, estará integrada por Herminia Pouso, en calidade de presidenta, e Ana Barreiro, quen, ao ser a suplente, exercerá cando non asista a titular. Tamén haberá catro traballadores municipais como vogais e secretario.
Finamente, designouse a concorrencia aos órganos colexiados -reunións de entidades e centros culturais e educativos- entre os diferentes edís do equipo. Explicaron tamén que “a asignación por asistencia a estes órganos mantense respecto do anterior executivo e os concelleiros que ostentan dedicación exclusiva e parcial non percibirán honorarios a maiores”.
Críticas do BNG
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, até o de agora responsábel do Goberno de Ribeira xunto co PSOE e o PBBI, emitiu un comunicado respecto do acordado do pleno extraordinario no que critica que “non existía ningún motivo obxectivo que xustifique unha convocatoria extraordinaria e urxente a toda présa dun día para outro”, e interpretou este feito como “un síntoma de mala planificación, improvisación ou mesmo de desavinzas internas entre os socios do novo goberno”. E engadiu: “Non entendemos esta urxencia. Que pasou para que teñan que convocar un pleno dun día para outro? Isto non é máis que unha mostra de desorde e falta de transparencia. A veciñanza merece saber cal é o acordo real entre PP e PBBI, porque é evidente que o hai, aínda que non se atrevan a facelo público”, afirmou Pérez Barral.
O BNG destacou que o novo executivo prevé “un gasto total de 351.219 euros en dedicacións, persoal de confianza e asistencias a órganos de goberno”, pero advirte que “o importante é o rendemento dese investimento público: quen vai facer o traballo, con que dedicación, con que capacidade de xestión e de servizo á veciñanza”, subliñou o portavoz nacionalista.
Segundo os nacionalistas, “con este novo reparto haberá menos persoas traballando a tempo completo para o Concello, o que afectará servizos esenciais como auga e saneamento, limpeza viaria, educación, xuventude, promoción económica ou benestar animal”. Engadiu que “todas estas áreas, especialmente limpeza ou auga e saneamento non terán a ninguén dedicado a elas polo que non é só cuestión de cartos, é cuestión de eficacia. Cunha persoa menos a tempo completo, haberá menos seguimento dos proxectos e menos capacidade para atender á cidadanía”, advertiu Pérez Barral.
O BNG lembrou que “os feitos falan por si sós” e, nese sentido, o goberno presidido por Pérez Barral deixou “un Concello con 6,5 millóns de euros en fondos europeos, con proxectos en marcha e con contas saneadas”, fronte a “os máis de 13 millóns de débeda que o PP deixou na súa etapa anterior”. Sinalou “esa é a diferenza entre unha xestión responsábel e unha política de aparencias; nós deixamos proxectos, investimentos e futuro; eles deixan débeda e sobrecustos”, engadiu Pérez Barral, lembrando desviacións de máis de 6 millóns de euros en obras como o novo auditorio, a Casa da Xuventude, o mercado municipal, o pavillón de Palmeira ou a depuradora.
A formación nacionalista asegurou que “actuaremos con responsabilidade e non impediremos o funcionamento do Concello, pero tampouco apoiaremos decisións pouco fundamentadas nin un xeito de gobernar baseado nas urxencias partidistas de PP e PBBI e nos intereses particulares dos concelleiros que subscribiron a moción de censura”.
“O BNG estará sempre ao lado da veciñanza, defendendo a transparencia, a boa xestión e os proxectos que melloren Ribeira”, concluíu Pérez Barral.



