O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá as obras de mellora que se están a executar no centro de día para persoas maiores de Outes, pertencente á rede pública autonómica. En total, destínanse preto de 20.000 euros a diversas actuacións no exterior do inmoble, centradas principalmente nas fachadas e terrazas.

Rodríguez, acompañado polo alcalde de Outes, Francisco Calo, explicou que a intervención é froito dun convenio de colaboración co Concello, asinado despois dunha visita realizada o pasado verán para avaliar as necesidades do equipamento e planificar as melloras que agora se executan.
As actuacións inclúen a impermeabilización da fachada posterior —que dá ao patio interior de uso exclusivo do centro e onde se renovará o mobiliario—, así como traballos nas terrazas e balcóns, a instalación de novos falsos teitos e a renovación da rede de saneamento e das baixantes.
O xerente destacou a importancia da colaboración entre administracións para ofrecer ás familias infraestruturas e servizos de calidade, e anunciou que o vindeiro ano está prevista a realización de novas reformas para continuar mellorando o equipamento.
O centro de día de Outes conta con 30 prazas de capacidade e atende diariamente a persoas maiores da localidade e tamén dos municipios próximos de Noia, Mazaricos e Negreira.



