O Concello de Boiro promove unha nova edición do programa de actividades Muller e Saúde, unha proposta do Centro de Información á Muller (CIM) que busca, segundo informaron dende o Concello, “promover o benestar físico, mental e emocional da muller”.
O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, presentou este venres 10 de outubro as actividades xunto con Manuel Santos da Cruz Vermella.
“Dende que empezou este programa realizáronse máis de 150 actividades de todo tipo nas que participaron máis dun milleiro de persoas. Actividades organizadas a proposta das propias usuarias e de forma conxunta con entidades locais e outros departamentos municipais”, afirmou o concelleiro Raúl Treus.

A primeira das actividades que se vai a levar a cabo é un Obradoiro de Autodefensa, o sábado 18 de outubro ás 9.30 horas no Pavillón de Barraña. Impartirase tamén unha actividade de Alimentación e benestar feminino, que será o mércores 5 de novembro ás 16.00 horas no Centro Social de Abanqueiro.
Saúde Mental e Emocional: Ferramentas para o día a día será o mércores 12 de novembro ás 16.30 horas no Centro Social de Abanqueiro.
Afrontamento para o crecemento persoal celebrarase os días 12 e 14 de novembro de 9.00 a 15.00 horas no Concello de Boiro; e Tecnoloxía e saúde: apps e novas ferramentas será o 20 de novembro de 16.30 a 19.30 horas na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro.
“Dende a Cruz Vermella imos a seguir colaborando nas actividades deste tipo pois redundan no beneficio da muller en todas as idade e conectan a distintas xeracións”, afirmou Manuel Santos.
As actividades son gratuítas pero requiren inscrición previa, que se pode facer mediante o enderezo electrónico cim@boiro.org ou o teléfono 981 84 48 00 ext. 1285.


