O Concello presenta as novas instalacións do Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque

O concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta, e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, acompañados polas técnicas de turismo do Concello, deron a coñecer esta mañá as novas instalacións remodeladas do Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque.
O edificio, situado no Parque de San Roque, presentaba diversas patoloxías construtivas, como filtracións na cuberta e humidades na fachada, que afectaban especialmente á sala de exposicións temporais, onde se rexistraban roturas nas paredes e no falso teito.
Dende a Concellería de Turismo traballouse na recuperación e posta en valor desta infraestrutura de referencia no ámbito da arqueoloxía, coa finalidade de promover o coñecemento da Prehistoria entre o público xeral. A remodelación incorporou novos contidos didácticos e interactivos, co obxectivo de facilitar a comprensión da realidade arqueolóxica do municipio, fomentar o aprendizaxe lúdico e promover a conservación e sostibilidade dos recursos arqueolóxicos.
Durante a presentación, o concelleiro Suárez-Puerta destacou “o magnífico traballo feito neste renovado centro de interpretación, un espazo no que se tivo en conta a accesibilidade universal, incorporouse nova sinalética con braille, elimináronse as humidades, cambiáronse as cubertas e implantáronse contidos dixitais bilingües actualizables, co fin de que os nenos e nenas poidan aprender xogando sobre os recursos do noso municipio”.
Entre as novidades máis salientables, destaca un mapa en relevo de todo o concello situado na entrada, adaptado para persoas con discapacidade visual, e que permite descargar unha audio-guía para ofrecer unha experiencia máis inmersiva ao visitante. Ademais, o centro conta cunha ampla sala para exposicións itinerantes e un espazo de estudo e divulgación con diferentes publicacións de carácter turístico e histórico.
Pola súa banda, o concelleiro Colomer informou que o centro permanecerá aberto de luns a venres, en horario de 10:30 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde. Invitou tamén a toda a veciñanza a gozar do parque e das novas instalacións, así como da nova iluminación, que permite visitalo tamén pola noite.
Colomer engadiu que, segundo as enquisas realizadas á poboación, unha das maiores demandas veciñais era precisamente a mellora e dinamización do Parque Periurbano de San Roque, polo que esta actuación responde directamente ás necesidades e intereses da cidadanía.




