Segundo o BNG o PP e PBBI impiden destinar 421.000 euros da Deputación a melloras nas parroquias para destinalo a gasto corrente.
O portavoz do BNG de Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou no pleno municipal celebrado onte que Partido Popular e Partido Barbanza Independente aprobaron, cos seus votos, destinar os 421.000 euros achegados pola Deputación da Coruña a gasto corrente, en lugar de empregar estes fondos en investimentos e melloras nas parroquias do municipio.
Segundo explicou Barral, os fondos provinciais poderían destinarse a proxectos de saneamento, abastecemento de auga potable ou pavimentacións, mais o goberno local optou por cubrir gastos ordinarios derivados dos contratos de limpeza e iluminación pública.
O BNG considera que a decisión do executivo local responde a criterios políticos e non técnicos, e que marca un cambio de modelo de xestión, pasando dun goberno “que escoitaba á veciñanza e investía nas súas demandas” a outro que “prioriza o gasto corrente de maneira unilateral”.

O BNG reivindica o seu modelo de investimento nas parroquias
Durante a súa intervención, Pérez Barral lembrou que, durante o mandato do BNG, Ribeira apostou por un modelo centrado nas persoas e nas necesidades básicas, abandonando a política de grandes obras.
O exalcalde destacou que en dous anos e medio investíronse 5,5 millóns de euros en actuacións de abastecemento, saneamento, pavimentacións e mellora de infraestruturas públicas nas parroquias, e que o seu goberno deixou proxectos e financiamento preparado por valor de 1,1 millón de euros antes de abandonar o executivo.
Entre as actuacións citadas figuran a pavimentación da rúa Castelao (100.000 €), a avenida Miguel Rodríguez Bautista (79.323 €), a ampliación do saneamento en Cristal (43.060 €) ou a renovación da traída de auga nos Mosqueiros (63.935 €), entre outras.
O BNG reiterou finalmente o seu compromiso cun modelo de concello equilibrado entre o urbano e o rural, no que “os recursos públicos se poñan ao servizo das persoas”.



