
A exposición itinerante do proxecto de preservación ambiental AmiRíos continúa a súa viaxe pola zona hidrográfica Galicia Costa. Así, este venres 20 de outubro fixo unha parada no concello de Meis, onde permanecerá ata o martes 21. Alí a instalación foi recibida por uns setenta alumnos e alumnas do CPI Mosteiro – Meis, que participaron nunha xornada de sensibilización medioambiental conducida polos activistas medioambientais de Amicos, persoas con discapacidade intelectual especializadas no tema.
Ata a praza de España do concello achegáronse tamén o concelleiro de Educación, Xuventude, Cultura e Deportes e xefe de estudos do CPI Mosteiro – Meis, Manuel Muñoz; e a concelleira de Urbanismo, Obras, Vías, Comercio Local e Industria, Araceli Maquieira; así como o coordinador de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Keltoi Cameán.
Eles participaron tamén nas distintas actividades lúdicas a través das que a rapazada puido descubrir a biodiversidade autóctona presente nos ríos galegos, o ciclo da auga, ou a importancia de preservar o medioambiente, entre outros.
Un total de setenta nenos e nenas de Meis participaron na xornada, que se encadra na iniciativa AmiRíos, que ten como obxectivo promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación da zona hidrográfica Galicia Costa, en especial nas zonas centro e sur, e a protección da súa biodiversidade.
A continuación, o coordinador de Alianzas de Amicos quixo destacar que “nesta ocasión, AmiRíos chega a Meis, por un lado coas Ecobrigadas para traballar no río Canón e por outra cunha xornada de dinamización cos escolares do CPI Mosteiro. Dende Amicos levamos en contacto coa corporación dende fai anos, e é unha alegría materializar aquí esta iniciativa, que permite que persoas con discapacidade mostren dende outra perspectiva á rapazada tanto o coidado medioambiental dos ríos como o seu papel activo como motor de cambio”.

Pola súa banda, o concelleiro de Educación e xefe de estudos do centro participante destacou que “esta actividade con Amicos englóbase dentro das varias que facemos no centro de sensibilización sobre os ríos dende fai varios anos. Pero neste caso, ao estar conducida por persoas con discapacidade intelectual fai que, tanto pola súa vertente inclusiva como medioambiental, sexa moi interesante e enriquecedora para os rapaces e rapazas”.
Unha mostra viaxeira para concienciar á poboación
AmiRíos é un proxecto promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. A iniciativa nace para promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación das fontes fluviais da zona hidrográfica Galicia Costa. E neste senso, entre as distintas accións levadas a cabo ao abeiro do proxecto está a instalación de distintos puntos de información en forma de mostra itinerante en espazos públicos da zona hidrográfica Galicia Costa.
Ao longo dos meses de setembro e outubro, a mostra informativa estivo exposta nos concellos de Ribeira, Boiro, Lousame, Caldas de Reis, Pontecaldelas e Meis. As próximas paradas serán Pontevedra e A Pobra do Caramiñal.
Sensibilizar con accións lúdicas e xornadas de voluntariado
As accións apóianse na educación e o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión. Todas elas conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.
Ao abeiro deste proxecto estanse a realizar xornadas temáticas de sensibilización en campamentos e colexios. Asemade, realizaranse distintas xornadas de voluntariado nos ríos Soñora, Artes, Rego do Tállara, Lérez, Sar e Quintáns. Os e as voluntarias participarán de forma directa na conservación e rehabilitación ambiental destes mediante a restauración de vexetación autóctona e a erradicación de especies invasoras, nunhas accións conducidas polas Ecobrigadas.






