
O Concello de Noia acolleu esta semana a presentación oficial da velada de boxeo profesional SKT Fighters XIV, que se celebrará o
vindeiro sábado 18 de outubro no Colexio Jaime Balmes, a partir das 19:00 horas. O evento, organizado polo club SKT Fighters, contará con combates de diferentes categorías e coa presenza destacada do boxeador profesional Silvestre Gómez, que pechará a noite cun enfrontamento ante Ramiro.
Na presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes, Sandra González; o alcalde de Noia, Francisco Pérez; o presidente do club SKT Fighters, Santi Killo; o influente e patrocinador Champi Muros; e o propio Silvestre Gómez. A concelleira Sandra González destacou “a importancia de apoiar equipos como o SKT, que son un exemplo de deporte de base, de compromiso e de traballo constante. Estes clubs non só forman deportistas, senón tamén valores como o esforzo e a superación persoal. Desde o Concello imos seguir colaborando con este tipo de iniciativas que enriquecen o tecido deportivo e social de Noia”.
Pola súa parte, o presidente do club, Santi Killo, lembrou a complexa traxectoria do equipo: “Non foi un camiño doado, pero paso a paso o SKT Fighters está a converterse nun referente nacional no ámbito do boxeo e dos deportes de contacto. Esta velada é unha mostra do esforzo colectivo, do apoio da xente e da ilusión que hai detrás deste proxecto”.
O loitador profesional Silvestre Gómez, que protagonizará o combate principal da noite, amosouse ilusionado e prudente: “Será unha pelexa moi dura, pero estou preparado. Levo meses adestrando con intensidade e teño moita vontade de seguir escalando e de demostrar que dende Noia tamén se pode chegar lonxe neste deporte”.
O patrocinador Champi Muros subliñou o valor deste tipo de citas deportivas: “É fundamental dar cobertura a eventos coma este, que
teñen un impacto moi positivo na vida deportiva e social da vila. O boxeo é esforzo, disciplina e comunidade, e Noia pode sentirse orgullosa de ter un club como o SKT”.
Finalmente, o alcalde Francisco Pérez puxo en valor o compromiso do Concello cos clubs deportivos: “O apoio aos deportes de contacto é unha prioridade máis dentro da nosa aposta polo deporte local. En Noia temos clubs con moito talento e dedicación, e desde o Concello queremos acompañalos nese camiño. Animo a toda a veciñanza a asistir á velada deste sábado e a desfrutar dun espectáculo deportivo de primeiro nivel”.






