Cambia o tempo, cambian os mundos, as ribeiras, os traballos, as historias e a historia. Cambian as
manifestacións culturais, as persoas, a beleza, a formación e as miradas. Todo cambia e non pasa
nada, o mundo segue avanzando e asumindo os cambios no temón de mando, para que todo siga
polo raíl asignado, marcado polos que puideron marcalo para defender o seu e o dos seus, nada
máis. Se alguén quere que vaiamos por fóra do carril, que saiba que hai moita xente disposta a
camiñar libremente.
Cambia a hora, para pasar ao horario de inverno e despois cambiará de novo para pasar ao horario
de verán. Está ben ou está mal? A cidadanía non o sabe. Moita xente pasa horas e horas buscando
en distintas páxinas de internet argumentos en favor dunha ou da outra postura, pero acaban cunha
enorme confusión, sen saber que lles convén. Os científicos discuten, presentan e escoitan relatorios
perfectamente escritos e razoados, uns para alentar ao cambio e outros totalmente contrarios ao
mesmo.
Hai expertos que insisten en que o cambio de hora afecta de distintas maneiras ao organismo e ás
rutinas diarias das persoas. Outros consideran que favorece a produtividade e máis renda para as
empresas e para o traballo. A cidadanía pode fiarse do sistema ou desconfiar del, pero sen datos,
sen seguridade e sen capacidade. Os que determinan se hai ou non hai cambio, son os que queren
marcar o ritmo do paso do noso pobo e dos outros pobos do mundo. Cando sexa, xa veremos que
acordaron, mentres tanto, paciencia ou indignación.
No que vai de século, outros cambios foron espectaculares, de modo especial, nos eidos
tecnolóxicos e no ámbito das comunicacións. O teléfono móbil é un exemplo. Foi quen de
revolucionar a forma de vida das distintas sociedades, converténdose nunha ferramenta para
calquera traballo, para aprender, para ler, para viaxar, para conducir, comer, pagar e amar. E,
independentemente do cambio de hora, o teléfono indica perfectamente, e en punto, a hora de
espertar, lavarse e arrancar ou conectarse para traballar.
Viaxar polo mundo a calquera hora, calquera día ou de noite. Traballar dende o aeroporto, no tren
avariado, na casa da familia ou no hotel de pago. Sempre a mirar a hora, de verán e de inverno.
Sempre, inevitablemente, con atención aos cambios horarios. Madía leva!
Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas
Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...



