Máis de 800 voluntarias retiran case 800 kg de lixo na XIV Limpeza Simultánea de Praias organiza por ADEGA

23 Outubro 2025

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) xuntou nesta pasada fin de semana máis de 800 persoas voluntarias para limpar os areais galegos. Case 40 entidades de toda Galiza participaron na XIV Limpeza Simultánea de Praias coordinada cada ano pola asociación.

Entre os concellos da nosa contorna figura o de Muros (co apoio do Concello e a máxima implicación do CEIP Ricardo Tubío, o CEIP Ramón Artaza, o CEIP de Louro, contándose tamén con ADEGA Santiago), o da Pobra do Caramiñal (coa implicación do Concello, o CEP Pilar Maestú Sierra e o CEP Salustiano Rey Eiras), o de Porto do Son (contándose coa participación do IES de Porto do Son, do CEIP de Portosín e AFEXDI Santiago) e o de Ribeira (grupo de veciñas e veciños).

Malia a meteoroloxía desfavorábel, que provocou que varias limpezas foran adiadas, contáronse por centos as persoas voluntarias que sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño.

A organización ecoloxista ADEGA calcula que se retiraron case 800 quilogramos de lixo nesta decimoterceira edición da Limpeza Simultánea de Praias. Na actividade participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, colectivos e particulares de todo o territorio galego que traballaron de xeito organizado en 22 concellos da costa.

De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os paus dos ouvido, as toalliñas e produtos de hixiene e, como vén sendo habitual, restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, tubos, colchóns, rodas, portas….

Con este tipo de accións, ADEGA pretende poñer o foco sobre “a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turística”, así como “na importancia de conservar a nosas praias libres de lixo para evitar que este acabe no mar”.

Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias “non deben de ser feitos illados e en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración”. Ao tempo, convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, con respecto polos ecosistemas dunares e con especial coidado coa fauna e flora que neles habita.

ADEGA agradeceu “enormemente” a participación de todas as persoas que colaboraron a xornada e participaron como voluntarias en todas as limpezas.

Esta actividade está financiada polos concellos de Ares, Cambados, Cangas, Fene, Muros, Nigrán, O Grove e Poio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...