Luís Pérez Barral acusa ao novo Goberno de Ribeira de “abrir a porta a vellas prácticas metendo políticos na Mesa de Contratación”

21 Outubro 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, a través do ex-alcalde Luís Pérez Barral, emitiu un comunicado no que critica que PP e PBBI introduzan novamente cargos políticos na Mesa Permanente de Contratación, un órgano clave no funcionamento do Concello por ser o que avalía e propón as adxudicacións de obras, servizos e subministracións públicas xestionando centos de miles de euros anualmente.

O portavoz do BNG en Ribeira cualificou a decisión de “retroceso grave e perigoso” e advertiu de que “aínda que a Lei de Contratos do Sector Público permite a presenza de membros electos en mesas de contratación no ámbito local, non o obriga nin o recomenda, e prohíbe expresamente esa práctica en todas as demais administracións públicas”.

“O goberno do BNG optara por un modelo profesionalizado e transparente, no que a Mesa estaba formada exclusivamente por persoal técnico, o secretario, o interventor e funcionarios con habilitación suficiente. Fixémolo así porque queriamos garantir a máxima independencia e evitar calquera sombra de sospeita”, recordou Pérez Barral, engadindo que a nova Mesa proposta polo actual Executivo será presidida pola concelleira do PBBI, Hermina Pouso, unha decisión que o BNG considera “pouco ética e contraria ao espírito dun goberno transparente e que avanza na profesionalización deste órgano”.

“A pregunta é simple: para que queren meter un político nun espazo que debe ser técnico, obxectivo e libre de interferencias políticas? Que achega un cargo electo a un órgano que debe funcionar con criterios profesionais?”, cuestionou o portavoz nacionalista.

Segundo o BNG, “esta decisión abre unha porta que nunca debera abrirse”, pois “é nese tipo de decisións onde comezan as malas prácticas que logo rematan en desviacións orzamentarias, adxudicacións polémicas ou relacións pouco claras entre políticos e empresas”.

“Non dicimos que vaian facer algo ilegal, pero están sentando as bases para que poidan xurdir os mesmos problemas que xa vimos noutros concellos e noutras etapas: favoritismos, presións e perda de confianza cidadá”, advertiu Pérez Barral, sinalando que durante o seu mandato o Concello de Ribeira foi exemplo de “goberno limpo, honesto e transparente, no que as decisións económicas eran tomadas con criterios técnicos e sen interferencia política directa”. A actual decisión, di o portavoz, “marca un cambio de rumbo e un regreso ás vellas formas”. Ademais Pérez Barral deu datos de como “grazas á súa xestión á fronte do Concello Ribeira pasou a ser o 5º municipio que máis licitacións sacaba en toda a provincia da Coruña”.

“Xa o dixen na moción de censura: isto non vai só de votos, senón de acabar cun xeito diferente de facer política, máis participativa e máis limpa. A entrada de políticos na mesa de contratación confirma que volven os tempos do control e da sospeita”, sentenciou o líder do BNG.

O BNG anuncia que “seguirá vixiando con rigor todas as decisións do novo goberno” e que “defenderá que a contratación pública se manteña sempre baixo criterios técnicos, imparciais e transparentes, sen interferencias partidistas”.

Outros artigos

Choivas e vento marcarán o luns 19 nas Rías Baixas e en Santiago

O luns 19, San Mario, entrará unha fronte fría polo noroeste que se irá desprazando cara ao leste ao longo da xornada. Esta situación deixará ceos nubrados e precipitacións, que serán máis frecuentes e intensas no terzo norte, onde poderán presentarse en forma de...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Chorar como un tolo”. Luís Celeiro

“Chorar como un tolo”. Luís Celeiro

Choraba como un tolo e nunca pasaba nada. Outros rían como tolos e moitos esperaban, aga ocasión para chorar desesperadamente, como se cada un deles fose unha alma en pena saltandopolas alturas, polos cumes de Pena Trevinca, Punta Negra ou Pena Surbia. Naquelas...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.