
Esta semana tivemos outro capítulo máis dese teatro político ao que xa nos teñen tristemente acostumados. A reunión celebrada en Padrón sobre a suposta gratuidade da AP-9 foi, como tantas outras veces, un “brinde ao sol”. Outra foto. Outro titular. Outro acto baleiro máis dese postureo institucional que serve só para alimentar egos e intereses electorais.
É lamentable ver como se utilizan cargos públicos e mesmo os medios de comunicación non para servir á cidadanía, senón para construír relatos ficticios, de fume, que nada teñen que ver coa realidade. A demagoxia non ten límites cando o obxectivo é enganar aos incautos.
Saben perfectamente que Pedro Sánchez non vai liberar a AP-9. E sábeno porque non hai vontade política, porque os orzamentos do Estado están prorrogados e porque non existe, nin se prevé, ningunha partida orzamentaria destinada a tal fin. Pero aí están, vendéndonos unha ilusión, coma se puidesen rescatar a AP-9 con “cunchas de
mexillón”.
O que vivimos non é máis que unha representación mediocre dun entroido que xa dura demasiado. Mentres tanto, os asuntos realmente importantes a nivel municipal –a recuperación de servizos básicos, a mellora de infraestruturas, o aproveitamento de fondos comprometidos que están a piques de perderse– fican aparcados, sen resposta, sen solucións, sen vontade.
Vivimos atrapados nun ciclo de engano permanente, onde o “photocall” substitúe á política útil, e a pose pesa máis ca o compromiso. Xa nin sorprende. A mentira institucional normalizouse ata o punto de converterse en método de goberno, mentres a acción real brilla pola súa ausencia.
Hai que dicilo alto e claro: “Hai xente que cre que o povo é parvo, e o povo pode ser calado, pero non parvo.” Castelao xa o advertía hai décadas, e hoxe segue máis vixente ca nunca.
Non pedimos milagres, só pedimos que deixen de tomarnos por parvos. Que gobernar non é posar, e prometer non é cumprir.
José Luis Calo é coordinador de UCIN Galicia.



