Oficialmente non existe relación algunha entre o balbordo que vive Andalucía por mor da tardanza -cando non o silencio- na resposta aos cribados de cancro de mama practicados a máis de 2.000 mulleres desa comunidade autónoma e o inicio das citacións no marco do programa piloto de cribado de cancro de pulmón polo que a consellería de Sanidade da Xunta citará a preto de 50.000 galegos mediante mensaxes que xa se están a enviar para que os fumadores de entre 55 e 74 anos de idade se sobmetan a probas para detectar ese tipo de cancro.
O centro de saúde do Ventorrillo (A Coruña) foi o primeiro, no ano 2024, en desenvolver os programas de cribado de cancro de pulmón que na actualidade leva a cabo en Galicia a Consellería de Sanidade, un plan no que se pretende involucrar a 48.860 galegos para realizaren o devandito cribado coa fin de detectar precozmente a existencia ou non dun dos tumores con maior incjdencja na comunidade galega e que máis vidas se leva por diante: 1.133 no ano 2023.
A Xunta baralla a participación nesta operación dunhas 14.600 persoas que, en boa parte, cumprirán os criterios clínicos da mesma. O obxectivo da proba non é outro -como se desprende da convocatoria- que a detección do cancro de pulmón en fases iniciais, o que -segundo todas as previsións- mellora a taxa de supervivencia.
Os que acepten participar no cribado serán citados para se sobmeter a unha tomografía axial computarizada (TAC) de baixa dose aos inscritos, unha proba de jmaxe que permite visualizar posíbeis nódulos ou anomalías pulmonares. De se detectar calquera anomalía, activaríanse axiña os protocolos de vía rápida deseñados para axilizar as probas diagnósticas subseguintes e confirmar ou desbotar un diagnóstico oncolóxico o antes posíbel.
A Xunta tenta consolidar a Galicia coma referente en programas de detección temperá do cancro. Polo momento é unha proba piloto a gran escala.




