Comeza a programación dos sábados para o público infantil e familiar en Ribeira

03 Outubro 2025

Este venres 3 de outubro a concelleira de Educación de Ribeira, Cruz Rivadulla, a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a responsábel do Servizo de Normalización Lingüística do concello, Alicia Padín, presentaron o comezo da programación dos sábados pola mañá para público infantil e familiar.

“Presentamos o comezo da programación dos sábados pola mañá para público infantil e familiar no Lustres Rivas” apuntou Rivadulla e engadiu que as actividades están organizadas e coordinadas por Alicia Padín.

Esta nova axenda estréase este sábado 5 con Ondamini de Mamá Cabra ás 12.00 h no Centro Cultural Lustres Rivas.

“A nosa querida Gloria de Mamá Cabra vai facer que cantemos e bailemos cos nenos e coas nenas nunha mañá de diversión e aprendizaxe, para que ao chegar á casa poidamos seguir cos cantares que aprendamos”, sinalaron.

O sábado 18 de outubro ás 12.00 h será a quenda de Nube, nube, sol de Teatro ao Cubo tamén no Centro Cultural Lustres Rivas. “Nesta obra imos bailar e cantar canda os personaxes do bosque, e divertirémonos aprendendo como o sol e a chuvia cambian o noso contorno”, sinalaron, engadindo que a obra é “moi xestual” e que os nenos e as nenas máis pequeniños que asistan tamén comprenderán moi ben o que sucede no escenario.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura presentou dúas propostas en marcha “que xa poñemos hoxe á luz para que organicen as súas axendas”. Trátase de Retrincos, con Isabel Risco e Fran Rei o domingo, 19 de outubro ás 20.00 h no Auditorio Municipal de Ribeira.

O día 19 de outubro, domingo, ás 20.00 h no Auditorio Municipal o público de Ribeira poderá asistir á representación de Retrincos, con Isabel Risco e Fran Rei. Esta obra é para público xeral e intégrase no marco do Ano Castelao dentro do programa da Secretaría Xeral da Lingua FalaRedes. A entrada é libre e gratuíta, coa apertura de portas medio hora antes de comezar a función.

O martes, 28 de outubro ás 11.30 h será a quenda de Rolán, Orlando, Roldán transita polo reino de Galiza de Fantoches Baj, no Auditorio Municipal de Ribeira, co apoio da Deputación. É unha cita para o alumnado de 6º de Primaria e 1º de ESO. Conta a historia da serea de Sálvora e o mito de Roldán que viaxa desde Betanzos a Sálvora.

Padín salientou a confianza de veciños/as, “en que sigan gozando da programación do Concello de Ribeira que é do máis alto nivel que se pode ver hoxe en día en toda Galiza”. A normalizadora insistiu unha vez máis e sempre “na importancia da transmisión do uso do galego ás nosas crianzas”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.