Carmen V. Valiña gaña o Premio Narrativa Breve Repsol

01 Outubro 2025

A organización do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega deu a coñecer este 1 de outubro a identidade da persoa gañadora da XIX edición. Trátase da escritora de Baio (Zas) Carmen V. Valiña, pola súa obra A illa que supuraba sangue. O acto celebrouse en Vigo, cidade elixida con motivo do 75º aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra distinguida. Participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.

García lembrou que o Goberno galego “leva apoiando este certame desde o seu nacemento en 2006 pola promoción que fai de novos escritores na nosa lingua e a creación dun público lector con moita fidelidade”.

Na convocatoria participaron ao longo destes anos case 600 obras orixinais de escritores e escritoras galegas. Nesta edición foron 43 os escritos inéditos presentados.

O xurado valorou a habilitade da escritora “para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”, considerándoa así merecedora dun galardón dotado con 12.000 € e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia.

Sobre a gañadora

Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos.

Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notábel. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).

En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura

Case 20 anos impulsando literatura en galego

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, a Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

O xurado desta edición estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, María Álvarez Landesa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

“Leer, la vida”. Alberto Barciela

Antes de conocer el mundo, lo leímos. Antes de caminarlo, ya habíamos recorrido sus sendas, descifrando la urdimbre, esa palabra hermosa que nace del latín ordiri para tramar o tejer nuestra propia existencia. Fuimos porque otros soñaron antes. Navegamos con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.