A RAG celebra este sábado a X Xornada de Onomástica Galega poñendo o foco nos nomes propios do mar

01 Outubro 2025

Co obxectivo de garantir unha recolla adecuada da talasonimia (os topónimos do mar e da costa), da man e da memoria dos mariñeiros e das mariscadoras de máis idade, a Real Academia Galega celebra este sábado a X Xornada de Onomástica Galega, un encontro aberto ao público no que se escoitará a especialistas no seu estudo e xente do mar, creadora e transmisora deste ben cultural. A cita, no Museo de Pontevedra, rematará cunha actuación do músico e escritor Xurxo Souto, artista estreitamente vencellado ao mar.

O Seminario de Onomástica organiza un ano máis a súa cita anual, xa consolidada, sobre os nomes propios coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, nesta ocasión ollando cara ao litoral, un espazo que durante séculos xerou milleiros de nomes. A académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez coordinan o programa, que arrincará ás 10 da mañá no auditorio do Edificio Castelao cunha intervención de María Ángeles Piñeiro Antelo. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, especialista en análise xeográfica, ofrecerá unha intervención sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do noso litoral ao longo do tempo, desde contribucións tan antigas como as de Ptolomeo (s. II) ata a Carta Xeométrica de Domingo Fontán (s. XIX).

Da conversa cos informantes aos cadernos de marcas

Helena Domínguez intervirá a partir das 11.00 horas cun relatorio sobre as particularidades e as necesidades do traballo de campo para o rexistro dos talasónimos da costa galega.  A investigadora, natural da Illa de Arousa, é autora de contribucións como Cons, touzas e petóns: talasonimia da ría de Arousa, I Premio Luís Rei de Investigación en Cultura Marítima, ou a guía divulgativa que sairá do prelo a finais deste ano, en colaboración coa  asociación cultural A Dorna, centrada na toponimia da Illa de Arousa,  e está a realizar a súa segunda tese de doutoramento, baixo a dirección do académico Gonzalo Navaza, sobre a toponimia da Arousa. A xornalista e filóloga propón, entre outras claves para unha boa recolla, traballar con grupos de mariñeiros e de mariscadoras maiores de setenta anos e buscar especialistas nos diversos oficios do mar e nas distintas zonas de pesca e marisqueo. “Outra fonte fundamental son os cadernos de marcas, que conteñen anotacións manuscritas dos mariñeiros, e  permiten acceder a unha grande riqueza de nomes, algúns deles de transmisión exclusivamente oral”, explica.

Xosé Lois Vilar Pedreira

Sobre esas marcas do mar falará o mariñeiro maior José Benito Rodríguez Álvarez, coñecido como Tito o Chirro, referíndose ao caso das creadas polos vellos mariñeiros da Guarda, onde el mesmo naceu hai case oitenta anos. O Chirro comezou de neno na baixura, andou a costa galega de sur a norte, e tamén pescou na costa portuguesa e en África, ata se xubilar como patrón de pesca no Índico, pero segue moi activo como divulgador en proxectos como o da Asociación  Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro. Este sábado compartirá mesa con Xosé Lois Vilar Pedreira, neto do tamén  mariñeiro Manolo o Gardés. O director da Sección de Arqueoloxía e Historia do Instituto de Estudos Miñoráns é un referente na recollida e difusión da toponimia e a talasonimia do Val Miñor, e participará na xornada compartindo estratexias para a difusión dun patrimonio que, salienta, urxe moito recoller, antes de que desapareza cos informantes.

Os nomes dos barcos e das bateas

O programa continuará a partir das 16:30 horas cunha achega sobre os nomes dos barcos e das bateas das Rías Baixas a cargo da noiesa Lucía López Lires, axente do Servizo de Gardacostas de Galicia, e o cangués Aarón Otero Ferrari,  quen coma ela está a estudar o grao de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela. Lucía é outra gran coñecedora do mundo mar: antes de ser gardacostas, foi mariscadora, coma a súa nai, e traballou na lonxa de San Bartolomeu de Noia e en fábricas de conserva. Agora xunta o seu amor polo marítimo e a lingua en traballos como o que exporá na X Xornada de Onomástica Galega. Sobre a naonimia tamén falará (17 horas) o docente Xosé Manuel Dopazo Entenza, cunha proposta de unidade didáctica para a súa análise dirixida ao alumnado da ESO.

Lucía López Lires en Testal

O encontro inclúe ademais unha actuación de Xurxo Souto. O músico e escritor coruñés, autor de libros que ollan o mar como O retorno dos homes mariños e Contos do mar de Irlanda, poralle o ramo ao programa a partir das 18:00 horas cunha intervención titulada A ruta de Ulises Fingal, en referencia ao pseudónimo literatio do singular pintor do mundo mariño Urbano Lugrís (1908-1973). Souto compartirá os nomes que gardou na memoria e legou Milucho Mariñas, percebeiro nado na Agra de Santo Amaro e coñecedor de todas as pedras de percebe “desde Avilés a  Corrubedo”.

A entrada ás sesións é libre, ata completar a capacidade da sala. As intervencións poderán seguirse ademais en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Helena Domínguez na Illa

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...