A quinta edición do Open de Corrubedo Spinning Galicia reunirá 160 participantes

31 Outubro 2025

Os seareiros da pesca deportiva teñen unha cita no 8 de novembro coa quinta edición do Open de Corrubedo Spinning Galicia que reunirá a 160 participantes procedentes de distintos puntos da xeografía galega, así como de Euskadi, Cantabria, Asturias, Castela e León e Portugal. Así o desvelaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o seu homólogo de Mar, Fernando Abraldes; e Ramón Crujeiras, coñecido como Portas, en representación de Spinning Galicia.

Lembraron que o spinning é unha técnica de pesca recreativa que emprega un cebo artificial para atraer a peixes depredadores. Caracterízase por lanzar e recoller a isca de xeito continuo, imitando o movemento dunha presa, segundo explicou Ramón Crujeiras, quen precisou que o tope máximo por participantes establécese nos 5 quilogramos de peixe.

Para o edil Álex Vidal, trátase dun evento “xa consolidado no calendario deportivo de Ribeira que une unha práctica deportiva e o mar; reforzando así o noso vínculo co eido marítimo e desfrutando do mesmo a través de diferentes alternativas”.

Este torneo desenvolverase en horario de 08.00 a 13.00 horas, no tramo de litoral comprendido entre as praias de Río Sieira e da Corna, para capturar especies como as robalizas, sargos e pintos, tal e como explicou o edil de Mar, quen avanzou que, en caso de mal tempo, haberá un plan alternativo que se focalizará na costa xa máis resgardada na ría de Arousa, é dicir, dende Couso ata a praia da Corna. Ademais, durante todo o transcurso da proba contarase coa colaboración do GAEM e da Policía Local.

Haberá agasallos para as distintas categorías, entre as que se atopa a masculina, a feminina, a promesa e a captura máis grande. A totalidade do peixe
capturado doarase á residencia de maiores.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...